Lucía Novas

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Nomeada por:

Xosé M. Millán Otero
Xosé Daniel Costas
Rosa Enríquez
Alfonso Láuzara Martínez
François Davo
Manolo Pipas

Nomea a:

Luz Pozo Garza
María do Carmo Kruckenberg
Xohana Torres
Bernardino Graña
Xosé Luís Méndez Ferrín
María Xosé Quizán
Helana Villar Janeiro
Arcadio Lopez-Casanova
Lois Diéguez
Xosé Vazquez Pintor

Bio-bibliografía:

Lucía Novas Garrido nace en 1979 en Bueu, no Morrazo Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, exerce de docente de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Autora dos libros Epiderme de estío (Espiral Maior, 2001), que recibiu o IV Premio de Poesía Concello de Carral, e Neve (Espiral Maior, 2010, Premio de Poesía Johán Carballeira), poemas da súa autoría aparecen recollidos nas antoloxías Poetízate. Antoloxía da poesía galega., Das sonorosas cordas. 20 poetas dende Galicia e Erato. Bajo la piel del deseo, así como en diversos volumes colectivos e publicacións, das que son mostra Grial, Dorna, PolpA, Casa da Gramática ou Escrita Contemporánea. Recibiu os premios Minerva, Universidade de Vigo,  Faustino Rey Romero , Concello de Carral e Johán Carballeira, e participou como relatora no curso Demasiados zapatos para unha cincenta, na Universidade de Salamanca, e nas xornadas de Poesía Última da Fundación Alberti.

Poética:

É a poesía para min a necesidade máis íntima, a substancia da vida, o alimento marabilloso, o pan máis exquisito, ave do Paraíso, pracer delicioso, catarse senlleira, viaxes inauditas, círculos purificadores, pomadas reconfortantes…

Imos enchoupándonos de vida e chega un intre en que reside en nós demasiada xiria: a experiencia vai pasando por unha peneira, criba senlleira, e elabóranse versos e palabras, sensacións de fulgor, raiolas lenísimas, metáforas do cotián e da marabilla… (calidoscopio fantástico, transparencia de vidros). O interior é sala luminosa cunha colección de espellos…

Poemas:

A BELEZA da froita entre a neve, do lentor da terra, dos poulos
e as cortiñas, dos ourizos ferintes,
da dozura do sésamo
entre os gatos silvestres, do incenso e mais a mirra,
do reiseñor de seixo (laranxas
na nevisca).

A beleza do xardín engalanado
na urxencia, na estación do inverno, na Pascua
luminosa (ilusión a contratempo), nos labirintos
extraviados, na bagulla encallada,
no gran repousando
sobre o chafarís de xeo.

A beleza da memoria, do pitorrei enfeitado
(bestiario secreto), das húmidas
palmas, dos carambos
lixeiros,
das moreas de herbas.

A beleza das saias
daquela árbore acesa
na friaxe da tarde, nas luvas tan cálidas
(teixos desnortados!), nos pardais da tardiña
e nas cores intensas (aroma a terra e bafo)
de principios de inverno.

A beleza da améndoa, da xeada na froita,
do tremor sinistro, dos esquíos sinuosos,
da neve
e mais a rosa (vapor de auga,
fervedura de pranto).

A beleza do veludo,
da plenitude tan maina, do ruxerruxe do tempo,
da alimaria vencida
na fondura afastada
daquel xardín doutrora.

A beleza do inverno
(premonición de crime).

Do libro Neve.

A CHAVE de cristal, o unicornio, a flor do lirolai,
o fío de Ariadna, o abelorio de plumas,
o celme.

Do libro Neve.

O ENXOVAL ficou nas ánforas, nos cerumes
antigos, na arxila elaborada, nas caixas
da esperanza, nas flores da maceira
chinesa, nas olas, nas arcas
de tempos
xa pasados, nos tremores da neve.

Do libro Neve.

A NEVE nace nas altas montañas, nos mananciais
ennobelados, nos cumios esguíos.
A neve viaxa en tanques de cristal, en vasos
de coiro, en vidros finísimos, en ánforas
de sede.

A neve é agasallo, té de chafarís, tenda
de folerpas.

A neve é caricia
neste tempo de conforto.

Do libro Neve.

CAMIÑARÁ sobre a neve, tensará o arco
e apreixará antílopes.

Por que as ánforas
xurdiron descoidadas
entre as buganvíleas?

A frecha
caeu
con violencia
sobre a rosa
dos cantís.

Dos outeiros,
xorde unha banda
de paxaros sinistros.

Do libro Neve.

PROCUREMOS as fronteiras, a ambigüidade, os medios tempos,
as mesturas exquisitas, a plurisignificación, os recolectos;
procuremos os campos, as roturas das teas, as sucidades grandiosas, o aceite e mais a auga, os extremos, antagonismos, estepas abarcables, leitos
desecados, os hüsker düs, os congros derramados, laídos resesos, ramificacións estrañas;
procuremos as liñas, a desnivelación, as achegas, os encontros, as xornadas, os zapatos; procuremos os pés, enlacemos as mans, enxertemos
as palabras, as linguaxes secretas,
os ruídos, as ramaxes;
procuremos os límites
e desfagámolos, e esmiucemos o eucalipto, e tripemos o aroma; e sexamos ewoks.

Do grupo “White Rabbits” publicado en Grial.

Advertisements