Lino García Salgado

linogarcia

Nomeado por:

Alberte Momán

Nomea a:

Alberte Momán
Gabriela Rodríguez
Concha Blanco Montecelos
Lino Braxe
Enma Couceiro
Igor Lugrís
Lucía Aldao
Eduardo Estévez
Kiko Neves
Medos Romero

Bio-bibliografía:

Lino García Salgado naceu o 23 de abril do 1967 en Baltar, A Pastoriza, Lugo ( xa nos estertores da terra cha ). É técnico especialista en automatismos pneumáticos e oleohidráulicos e enxeñeiro técnico agrícola. Actualmente reside en A Coruña.

A nivel cultural ten participado no primeiro certame de poesía de Friol “erguer torres” no ano 1999, na exposición de esculturas e gravados de Isabel Rumbo García do ano 2000 ( poemando estas, baixo pseudónimo ), no libro das festas de Betanzos do ano 2001 con distintos poemas así como ten colaborado coa empresa studio parquet s.l. de Barcelona na elaboración dun díptico de publicidade que incluía un poema do autor no ano 2004 que posteriormente foi traducido ao idioma catalán.

Do mesmo xeito ten colaborado coa asociación cultural eira vella de Betanzos con varios poemas para a revista a xanela e formou parte do consello de redacción da revista o poxigo da agcd lar de unta de Betanzos durante varios anos na que ten alternado prosa e verso.

No ano 2010 ten publicado o libro mixto de poemas e fotografías ( con Helena Robledo ) titulado “espertar”, a través da serie de poesía da Asociación cultural Eira Vella de Betanzos. No ano 2011 ten participado nunha exposición do colectivo argazo que baixo o título “Ela en plural” se mostrou ao público coruñés no NH Hotel, na que elaborou os textos, tanto en prosa como en verso. No ano 2012 ten colaborado coa xente da porta verde do sétimo andar na lectura colectiva de poemas tamén na cidade da Coruña. Actualmente estase preparando a segunda exposición colectiva de “ela en plural” que terá lugar no museo provincial de Lugo e na que se incluirá a proxección de poemas de distintas persoas arredor desta temática e que tamén visitará a cidade de A Coruña en breve.

Poética:

Poesía porque vexo nos ollos do meu fillo tanta luz que non podo cegarme en perdela.
Porque teño tantos silencios que danan o descanso
Porque “incluso” teño visto poetas asistir a recitais sin ningún tipo de vinculación persoal entre eles
Porque as sombras non poden entorpecer o tránsito salvaxe desta ocasional fronte
Por moitos motivos tan dispares e sutiles que doen na memoria
Simplemente por calar todo o que falan aqueles que só pernoctan na cruel insolidariedade.

Poemas:

FOI

Foi que che tocou
que aniñou no teu estado
de inconsciencia tardía
en trémulos e impuros movementos
de mudo peixe desprendido

que voaches
que te desprendiches salvaxemente
das meladas pálpebras
onde nunca volverás a mexerte

Foi que ansiabas internarte
nese bosque compañeiro
de cuspe elaborado
na memoria aberta á riqueza
na vitoria vernizada de liberdade

que as submisas linguas
ameazan esa eterna ilusión
de éxodos e mimos plaxiados
nos húmidos tellados
que convocaron a túa presenza.

Foi que no ventre do silencio
retornaches como vencedora
evacuando os encarnados lumes
onde se publicou a xestación
da túa propia vida.

AQUÍ

Aquí
onde colleu aire o silencio
e a choiva reinaba en solitario
descansan os dedos da rotundidade
para debullar un canso fenecemento
coa incertidume da única tarde.

Soaban alargadas
as proxeccións do uniformes corpos
fecundando artificiais noites
na rexa melancolía
cun estraño afán
tras das numismáticas portas.

Nesta cegueira de anónimo luns
pasean ao longo do guión
as celestes marionetas de obtuso po
convertendo a férrea rutina
nese camiño inimigo
de raídas danzas.

Non será a noite perdida suficiente?
Non será a noite morta voz na austera existencia?
Non será a noite acubillo dabondo ás trece lúas?

O reloxo marcaba en perenne vida
as sete e vinte e tres.

Nunca máis volveu a vivir.

Nacería aquí a noite para min?

AUSENCIAS

Nomeareite en voz baixa
que os defuntos anegan a casa
e as lasas sombras
mudan a pel mentres che falo
neste mar de constancia
de mulleres amadas
de viúvas pernas.

Chamareite castamente
coa voz anestesiada
nos cimentos do silencio continuo
vento da concordia
pranto de dor mollado.

Esquecereite
que os días non recitan
maléficos versos
nos que sorberche a mirada

e as pedras
xa son as miñas irmáns
o meu leito de compracencia.

Advertisements

2 opinións sobre “Lino García Salgado

  1. Pingback: A.D.A.N. – Libro: Vento de sal

  2. Pingback: A.D.A.N. – Presentación de Libro

Os comentarios están pechados.