François Davo

françoisdavo

Foto: Milpedras Taller de litografía

Nomeado por:

Rosa Enríquez
Ramiro Torres
Alfredo Ferreiro

Nomea a:

Rosa Enríquez
Xoán Abeleira
Tati Mancebo
Alfredo Ferreiro
Pedro Casteleiro
Ramiro Torres
Begoña Paz
Olga Novo
Pilar Pallarés
Marta Pedrosa Agra
Lucía Novas
María Neves Soutelo
Iolanda Aldrei

Bio-bibliografía:

FRANÇOIS DAVO (Le Mans, Francia, 1966), licenciado en Letras e civilizacións ibero-americanas pola Universidade da Sorbonne, reside na Coruña desde o solsticio de verán do ano 2000. É profesor de francés no ensino segundario público. Inicialmente poeta en lingua francesa, a súa lingua materna, tamén experimenta desde a súa residencia na Galiza a escrita dunha obra directamente en galego. É traductor de poetas galegos ao francés .Tamén é traductor, man con man con Dulce Fernández Graña, de obras francesas ao galego, entre as que destaca As palabras de Jean-Paul Sartre (Laiovento, 1999). Foi cofundador dos Cadernos de Azertyuiop, publicados nos anos 90. Na actualidade é compañeiro do Grupo surrealista galego (GSG). Desde o ano 2010 colabora co fotógrafo Gustavo García Roig en diversos proxectos e exposicións de “foto/poesía”.

Publicado en galego:
A areia que transforma punhos e conversas, en diálogo con Alfredo Ferreiro, Os cadernos de Azertyuiop, A Coruña, 1995.
O inmóbil impaciente, Espiral Maior, 1997.
Encontro en Puruchuco, portfolio do poemario da exposición, con fotografías de Gustavo García Roig, 2010.
O mundo habitado, portfolio do poemario da exposición, con fotografías de Gustavo García Roig, 2012.

Algunhas das participacións en obras colectivas:
7 poetas, Hedral, A Coruña, 1995.
Elos, fotografías de Paula Gómez del Valle, Morgante, 2011.

Poética:

Escribo sobre materiais diversos: papel feito na casa, pedras apañadas na beiramar, fotografías, etc. Cunha tendencia ultimamente a facer libros artesanais ou a expoñer (e mellor se é en colaboración) antes ca publicar libros manufacturados.

A poesía, comprendida como arela e fonte de liberdade, como coñecemento de nós mesm@s, de abraio máis que de beleza: ao encontro do que nos di a analoxía inesperada, a “boca escura” e os seus afluentes dos soños. A poesía, ritual como o é a danza, anterior ao que denominamos “literatura”, na procura dos ecos do mundo prehistórico; e tamén para atoparmos a unidade anterior á dicotomía masculino/femenino.

Na rede:

Caderno do autor
O autor na “Galipedia”
O autor na “AELG”
Colaborador no “Grupo Surrealista Galego”
Colaborador en “O levantador de minas”
O “facebook” do autor
O “Twitter” do autor
Máis do autor

Poemas:

De O mundo habitado.

(6)

Tiven o meu niño na boca dunha deusa antiga
teño ese arrecendo a vermello
que vos di que son real
como esa besta tatuada
no fondo do ollo da fame.
A fala é verde petróleo onde
o bosque é un enfado
Se caio
fóra do mundo habitado
aprenderei a dor da única traizón
a Dona
a danza estragadas
–        a deserción de nós

(8)

Nos afluentes dos soños
Nacer
Coma ti
Como na túa idade única.
O serán di antes do horizonte
O que o horizonte aprende
Certeza
Como
As árbores sempre
Foron árbores antes de seren árbores.
Respiro ao pé do dolmen, ulo
A danza da semana salvaxe: enguedellouse no pelo
Do teu corpo de mundo nacente.
Os teus cabelos atados á carreira dos cabalos ananos
Tecen os fíos caídos das pólas.
Nos teus ollos se me asomo
Os pigmentos dos meigallos da pedra
Quente
Escura
Abrazada ao día
Bailan –
Xoia, riso do tempo
Que xoga contigo
Cando o universo só pode ser un feitizo
E as estrelas todas nos teus ollos están
A saltaren como as palmas nos tambores.

(10)

Nacín de cada vez no tempo da poda

Son escultora
Son o ar
Son o ritmo
Respiro: son danza e
Cuspo
Os meus arrepíos de sangue
Na lama morna.

No meu puño pechado sinto
Como
As brasas
Da expansión do universo
Nas fendas dos meus beizos
A invasión
Do arrecendo
De froitas esmagadas.

Son
Dunha paisaxe esvaída
A vibración incesante –

Eu son o ar
Son o ritmo
O alento
Da nai.

Se non sei descifrar sequera os ouveos do medo
Como hei de acatar xamais as chamadas da morte?

De Elos

Tras o arrepío do ollo
O horizonte semella unha cicatriz

Unha árbore desguedellada oulea
Que calqueira saber  foi inútil

O xeo renche nas veas
Esgaduña os beizos
Como cardo no peito

Da derradeira flor  do espanto
Do abraio espetado na ollada inqueda
Abrolla o diamante máis negro

Por cada árbore arelada
Unha nota.
Un eco no val,
Sempre o val
O desexo do val
A sede
O ar limpo a se tornar morado
A mañá do día de festa.
Un salouco  nas cordas non é un laio
Quizais a lembranza
Do val segredo da nai
Doce acocho
Da vida
Denantes da vida
Denantes da perda.
Por cada árbore mancada
Unha música.

Unha árbore
Sempre
É unha luz.

E ti mírasme
Mutilada.

Ólesme
Déitasme
Deitas a túa forma
Eu fun o  ferro e o pao
O instrumento ou a vítima
Do feitizo –

Deusa cativa
Deusa sen idade

Presa

Na rede
Na sede
No núcleo
Da ollada acesa

De súpeto a bailadora nun salto
Ofrenda o seu corazón
E só fica unha mapoula
Como
O beixo de amantes esvaecidas
Unha cantiga esvarando dos beizos dunha meniña.

Todo me chama –
O ollo
Escaravellando nos baixos da rúa acesa
O devezo
Despezado polas feras nas corredoiras dos soños
A lucidez
Rexenerada  nas súas menstruacións públicas.

Elos, somos elos –
Ecos do rencher dos nosos brazos
Ao bater o ferro candente.

A ollada
Nun clarón
Esfollega  as nosas mentiras.

De O inmóbil impaciente.

A árbore vén ao mundo sen cortiza. Máis tarde, cansa, envurúllase nese duro abrigo que obtura todos os seus oídos.
Pode conservar o abrigo durante séculos. Ninguén, nin sequera a engomadeira, será quen de lle estirar as enrugas.
Un século é longo. A árbore, isolada dos lamentos do mundo, dorme. Por veces, un mal soño faina estremecer. Por veces tamén, ebria de sono, ábrese e exacula o seu sangue. Logo, vólvese fechar rapidamente.
Quen afirme ter entrado nunha árbore é un mentireiro. Ou ben a árbore lle gastaba unha boa broma, para facer rir as súas compañeiras. (Ás veces, pódese tratar dunha trampa).
O home falangueiro, mal coñecedor dos asuntos do silencio, máis fortes ca el, pensa que a árbore está morta. ¡Ca! o que pasa é que está a durmiñar, ou a finxir, e a facer burla dos ignorantes. De aí a trampa.
Eu non falei nunca cunha árbore.
Eu fun unha árbore.

Vídeo, son, imaxes, +:

O autor no “YouTube”

Advertisements

Unha opinión sobre “François Davo

  1. Pingback: Recital da A á Z | O levantador de minas

Os comentarios están pechados.