Arsenio Iglesias Pazos

My beautiful picture

Nomeado por:

Eduardo Estévez
Nomea a:

Daniel Salgado
Xosé M. Millán Otero
Helena de Carlos

Bio-bibliografía:

Nacín no Concello de Fene, na parroquia de Maniños, no lugar da Armada.

Para entender o que significa iso, imaxinade por un lado o cume dun monte, a silueta dun castro, o raposo, eucaliptos, algún ameneiro aínda. Por outro lado, imaxinade unha cidade, unha ría, estaleiros, reconversión.

A miña casa estaba no punto medio.

Gústame definirme nese punto medio, un lugar entre dous mundos en colisión, pero, curiosamente, os dous en decadencia. Aínda que, falando en ben, non sei medir a influencia que iso tivo en min.

Teño 33 anos. Estudei Psicoloxía, unha carreira que non me gustou, e non son experto en cousa ningunha. Envexo á xente que se expresa ben, eu non son moi falangueiro. Tampouco son escritor, pero unha vez levei un premio de poesía e confeso que me fixo moita ilusión.

Unha cousa importante: hai 6 anos que vivo en Euskadi.

Poética:

Eu diría que isto é cousa de intuición. Que é coma chantarse co coche nunha cidade dun millón de almas e que alí se conduza pola esquerda. Ou coma perder a fala e aprender a expresarse, que sei eu, con asubíos.

Poemas:

RAÍCES

1

Ceabas beef stew with dumplings con teus pais na casa
de Nick Marshall e Judith Griffits en Greenwich
e fíxente erguer da mesa porque chamei ao teléfono:
-Oe, ti que lembras da igrexa de Maniños?
Na distancia ris:
-E logo esa pregunta?
-É que xa escribín un poema que fala de ti.

2

Aí está a parroquia
de Perlío e aí o lugar
ao que chamamos Parque Verde dende 1995,
arredor do cal, por certo, tomaron forma as tardes
dos venres das vellas rutas adolescentes
e onde non volverei ata meses despois de rematar este poema,
de modo que terei que contar isto segundo creo lembrar.
Nese Parque Verde (vin poñer as árbores e xuro que non medraron),
un letreiro grande sobre unha columna sinala
a orixe do topónimo Perlío.

Especúlase
que proceda dun tempo e dunha ribeira exuberantes de ostras
e creo que consta que esas ostras
escabechábanse e eran enviadas a reis de séculos
anteriores en moito ás porcentaxes
e ás materias luminosas de hoxe.
Non consta no letreiro sobre a columna
mención ao declive das factorías,
unha reconversión previa a todas as reconversións e a todas as decadencias.

Porque as leis baixo as que actúan os procesos sociais atravesarán o tempo
e máis adiante
a modernidade da que somos descendentes/partícipes
entrará en débeda coa industria da transformación metálica.

-Para os que contemplen a historia como un compendio bélico,
aquí houbo seis mil homes e son douscentos agora.

E sobre a columna, entre árbores que nunca medraron, o letreiro do Parque Verde
acaba dicindo:
 “Non queda nada das fábricas de escabechado, pero cando menos é posible
que embaixo do estaleiro agarde enterrado un tesouro de perlas”.
 
E é bonito para que a metalurxia se incorpore á lenda pero,
se algún día acaba pechando o estaleiro, que as nosas mans
non fagan lembrar as mans dramáticas dos pobos
que trataron de converter a lenda en esperanza.

3

O único que sei eu da igrexa de Maniños:
“É barroca, do século XVII”.
Mágoa dunha información tan pobre,
pero no meu favor direi que se cadra
non se saiba máis, que non haxa libros.

Entón chama a miña atención a pía bautismal,
algo no que non reparara antes:
Unha cuncha cen veces meirande ca calquera bivalvo coñecido.
O pensamento inmediato:
doazón de habitante da parroquia, identidade descoñecida, ausencia de arquivo, século XVII, atopada casualmente na ribeira, exuberancia de moluscos, atribuída intervención divina, dotar á igrexa de atractivo diferencial e de peregrinación, posibles propiedades milagreiras

Tempo despois,
alguén que nunca estivo aquí contoume
que esas cunchas traíanse das costas tropicais,
das antípodas.

4

Viñeras por primeira vez en meses á miña terra.
E había que ir pola empanada que encargara miña nai no forno porque tiñamos visita,
e fomos ti e mais eu buscala e de paso
tiñamos a tarde do sábado para nós.
E ti estudaches arte e eu
vivo nun concello sen grandes excelencias turísticas e non
sabía onde levarte.
Conque collemos camiño da igrexa, nós,
que non somos crentes,
porque che gustan as igrexas (como xa coñezo outros casos)
cunha fascinación que a min aínda me asombra,
nós, repito, que non somos crentes,
e porque unha vez arredor dalgún viño despois dalgunha xuntanza
oíra dicir que podiamos sentirnos moderadamente orgullosos da igrexa vella.

Eu non souben explicarche. E ti, que nunca estiveras naquel lugar,
faláchesme da igrexa do meu pobo con palabras de sabio -nave, arcos, bóveda-
e, polo que fose, mentres falabas eu lembrei a Robert F…

5

…que foi capitán da embarcación HMS Beagle,
e nela trouxo da Terra de Fogo ao chamado por eles Jemmy Button,
o cal vendeu a súa condición de indíxena
por unha presa de botóns e aceptou subir a bordo,
e sería devolto ás orixes anos despois
co labor de transmitir a relixión cristiá e o idioma inglés e a agricultura,
aínda que a súa formación lle inculcase a teima de levar sempre luvas e zapatos limpos;
e a carón do río enfermaban/morrían os homes
naquelas expedicións cartográficas na América do Sur e pensaban
que era por emanación de gases e ata moitos anos despois
non se soubo que era cousa dos mosquitos;
e desamigouse, o tal Robert F do que falo,  sen reconciliación posible
co seu compañeiro Charles D, botánico, que cambiou o curso da historia
e co que, por varios anos, ceou cada día ás cinco da tarde;
e foi nomeado gobernador de Nova Zelandia máis adiante, na metade do século,
e chegou logo da ocupación do val de Wairau e a matanza dos colonos,
e deu a razón aos maorís en varias ocasións, e aínda así
Hone Heke queimou a bandeira británica en Kororareka e despois o pobo enteiro,
pero iso foi xusto antes de que Robert F fose destituído e volvese á casa
e purgase o seu fracaso dedicado de cheo ao desenvolvemento
do campo da predición meteorolóxica
no Real Observatorio de Greenwich.

E, mentres falabas,
polo que sabes doutros templos, usabas verbas coma retablo, portada, frontón
e podes
dicir da igrexa do meu pobo moito máis ca min mesmo.

E foi aí cando lembrei
unha frase ausente de protagonismo no libro
no que lin das cousas de Robert F:
“ Non se sabe nada dos seus anos de mozo. Todo canto podemos contar del
é o que facían os mozos do seu tempo”.

Advertisements