Asun Estévez

Asun Estévez

Nomeada por:

Miguel Ángel Alonso Díz

Nomea a:

Miguel Angel Alonso Diz
José Estévez
Lupe Gómez
Ana Romaní
Xosé Vázquez Pintor

Bio-bibliografía:

Nacín en Bueu (Pontevedra), nun outono dun bo ano. Son Auxiliar de Enfermería Xeriátrica. Membro da Asociación de Escritores e Artistas Españois e unhas cantas cousas máis que van enchendo o meu tempo e a miña vida.

Dende que teño uso de razón escribo, para min esta é unha forma de estar na vida e de sentir.

É no ano 2008 cando a miña obra comeza a ver a luz co meu primeiro libro “Pel de muller”, que sae á rúa abrindo un novo universo ante os meus ollos. A editorial Ir Indo, de Vigo, aposta polo meu traballo, e é así como comezo a miña andaina literaria cara ó mundo. O soño que fun acariciando ó longo do tempo convértese en algo tanxible. Presentacións e recitais na miña terra. E tamén un percorrido literario polo meu querido Portugal.

En abril do ano 2009 participei no 1º Encontro Internacional de Poesía que se celebrou en Aveiro (Portugal), foi alí onde naceu o poema que eu dediquei a Aveiro e que saíu publicado na revista “Revista Folhas- Letras & Outros Oficios”.

No mes de xullo, dese mesmo ano, despois de doce edicións, fun a primeira muller en facer o pregón da Festa Do Viño Tinta Femia de Cela (Bueu).

Durante un tempo (2009-2010), coordino e presento o programa de radio “Cita coa vida”, na emisora Municipal de Poio (Pontevedra), este programa cultural supuxo para min unha experiencia sumamente enriquecedora, tanto a nivel profesional coma persoal. É así, que vou descubrindo novos horizontes. Vivo novas experiencias e decátome de que a comunicación, escrita e falada, é fundamental para min.

No outono de 2010, sae un novo libro, “Bicos de sol”, un conto que nace para desdramatizar o impacto que supón unha grave enfermidade no seo dunha familia. Este conto saíu tamén publicado en castelán. Sigue despois un novo poemario, “Noites, amenceres…e algo máis”. A primeira presentación destes libros tivo lugar en Avis (Portugal), no Encontro de Escritos & escritores. Despois disto, presentacións e recitais por varios puntos de Galicia, sempre arroupada con música.

No 2011, participo no libro Pegadas, do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar. Unha trintena de voces diversas damos vida a este traballo, na necesidade de dicir e de permanecer.

E así sigo, neste mundo de palabras, gozando cando escribo e cando recito. Sentíndome afortunada por poder dicir o que penso e o que sinto.


Poética:

Entendo a poesía como a forma máis pura de expresión e creatividade, a que me permite ser máis eu, máis  verdade,  a  que me fai bailar cunha forza sempre nova.  A cidade favorita a que volvo unha e outra  vez, o veleno  e o antídoto, a tentación que me provoca e arrastra o reconforto.

Poesía, o lugar máis íntimo, a sublime caricia , a espiga luminosa sempre erguida. A voz que o enche todo e me fai libre!

Na rede:

O “facebook” da autora

Poemas:

DARÍA TODO…E MOITO MÁIS
Daría o que non teño
(e moito máis)
por posuírte…
Na beira da Praia
amarte ata romper.

Mírame con luxuria.
Como só ti sabes.
Estou núa…
Os teus ollos
cúbrenme de luz.
Coa maxia dos teus dedos
debúxame bolboretas…
nas nádegas.
Co zume dos teus bicos
escríbeme…
un poema.
Quero perderme
na caverna
da túa boca.
Mergullarme e afogarme
no néctar salgado
da túa pel.
Percorrerte coa lingua.
Cachear os recunchos…
con caricias obscenas.

Daría o que non teño,
(e moito máis)
por posuírte…
Neste leito de area
todo temos,
todo vale.
Teño tanta sede, amor!
Sede de ti…
De todo o teu.
Móllame enteira.
Faino amodo.
Sen présa; sabe mellor.
Respiro o teu alento,
síntote que medras.
O sangue queima
estouran as veas.
Millares de sensacións
anegan os sentidos.
A frecha do teu desexo
fai florecer o que toca.
Na cova estrálanme
fluxos de chuchamel e menta.
Caraveis rebentóns
engalánanme os peitos.
Achégate ó regueiro.
Atraca a túa barca.
Nestas augas agarimosas..
Paladea os licores,
De limón e canela.
Os pétalos de pracer
arríncame cos beizos.
Deixa que esvare  o zume
nas miñas coxas suaves.

Agora si;
arremete sen pausa.
Sen tregua.
Sen piedade.
Sinfonía de sabores…
Éxtase.

Daría o que non teño,
(e moito máis)
por posuírte.
Nesta Praia son feliz.
Son feliz nesta area.
Son feliz.
Se estou contigo.

Pel de muller, 2008

DEIXANDO ATRÁS

Atrás quedaron aqueles días
cando pintaba xanelas no ceo
e durmía a sesta na lúa.

Cando descifraba as verbas
nos tellados grises das tardes,
nas viaxes a calquera parte.

Atrás deixei a muller
apresada nun reflexo do vento,
co cabelo mollado de néboa
e a risa sabendo a canela.

Atrás deixei o camiño
que conxugaba os meus pasos.
A imposible brasa carnal
da miña presenza.

Agora, levo as raíces
atadas na gorxa.
Os ollos abertos
e nos pés prendidas as marusías.
 
Noites, amenceres…e algo máis, 2010

SOPRA O VENTO

Sopra o vento
e a miña lingua desbórdase,
coa voz envolta en farrapos
e as mans cubertas de ecos.

E abro as portas
que onte pechou o medo.
Arrinco as pegadas cravadas na carne,
borrachas de esquecemento
neste ceo destecido de mentiras.

E só quero ser eu!
Que non me maten
con armas lingüísticas.

Vomitar o que sinto
ata que rachen e sangren
as miñas cordas vocais.

Destapar o hermético.
Construír cidades
con linguaxes diferentes.

Sopra o vento
e neste precipicio escribo,
proclamando una fala!

Proclamando a liberdade do meu idioma!
 
Noites, amenceres…e algo máis, 2010

AFRODITA

Afrodita dorme.
Exiliada nun penedo de mármore,
coa escuma de mar reseca
e os corais fendéndolle as trenzas.

Coroada de lúas, cala e sofre,
érguese inocente na propia culpa.
E cerra en falso a ferida
que a vai matando.

Afrodita dorme,
na Terra das desidias
coas xanelas abertas…
por si acaso.
E mentres tanto o mundo
baila a ritmo de tango…
esquecéndoa.

Pegadas, 2011


Vídeo, son, imaxes, +:

A autora no “YouTube”

Sempre co mar

Aveiro

Advertisements