Helena Villar Janeiro

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Nomeada por:

Lucía Novas
Rosa Enríquez

Nomea a:

Xesús Rábade Paredes
Modesto Fraga Moure
Rosa Enríquez
Olalla Cociña Lozano
Carlos Negro
Marica Campo
Román Raña
Paulino Vázquez
Pura Salceda
Xulio López Valcárcel

Bio-bibliografía:

(Becerreá-Lugo, 1940)

Licenciada en Filosofía e Letras (Pedagoxía) pola Universidade Complutense, foi profesora de Ensino Primario e Secundario (Lingua e Literatura Galega)
Conferenciante, poeta, narradora, articulista de prensa e traductora, formou parte do colectivo poético Cravo Fondo (1977) e coordinou as coleccións de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Arte de Trobar e Poetas con Rosalía.
Foi cofundadora do PEN Clube de Galicia, presidenta da Fundación Rosalía de Castro e membro do Plenario do Consello da Cultura Galega.
Antologada e traducida a varias linguas, a súa narrativa infantil mereceu ser incluída no catálogo White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de München, en 1990 con Ero e o Capitán Creonte, e en 1994 con A canción do Rei.

Premios:
Poesía: Manuel Antonio, Galicia, Chao Ledo, Eusebio Lorenzo, Xacobeo, González Garcés e Arume (poesía infantil)
Narrativa: Breogán e Modesto R. Figueiredo.
Xornalismo: Puro Cora.
Obra poética:
Alalás (1972), O sangue na paisaxe (1980), No aló de nós (1981), Rosalía no espello (1985), Cabeleira de pedra (1993), Festa do corpo (1994), Álbum de fotos (1999) Nas hedras da clepsidra (1999) e Pálpebra azul (2003). Tamén os libros infantís A campá da lúa (1999), Belidadona (2002), Na praia dos lagartos (2003) e O Souto do anano(2007)
Obra narrativa:
Morrer en Vilaquinte (1980) e O enterro da galiña de Domitila Rois (1991).
Obra ensaística:
Símbolos de Galicia (1979), Eduardo Blanco Amor con Auria ó fondo (1993), Delas (1999), Paseos literarios (2000) e Feminino plural(2003)

E autora, ademais, de numerosa obra pedagóxica, poética e narrativa publicada en libros colectivos e revistas.

A última incursión creativa da autora é a fotografía, tendo participado nas exposición colectivas Enarborar o bosque ( Santa Cruz de Oleiros, 2011) e Olladas 2012 (Bruxelas, 2012) e colgado as individuais Palabras en imaxes (Bruxelas, 2012) e Xogos de auga (Santiago de Compostela, 2012)

Poética:

Ademais de me abrir ao mundo e á lingua do meu país, o ateneo que era o taller de costura de meus pais propiciou que tomase contactoa coa literatura oral e que fose escritora. Meu pai era home lido que recitaba poemas de memoria, moi recorrentemente de Rosalía e Curros. Tiña ademais grande capacidade para versificar e non era doado vivir con el sen entrar neste xogo. No meu achegamento á poesía, influíron tamén as cancións que el cantaba con estupenda voz de barítono. Por el coñecín o bel canto galego.

Eu quería ser música, pero as duras orixes na posguerra obrigáronme a optar, co sacrificio de traballar de paso, polos estudos de Maxisterio, curtos e próximos ao domicilio. Fixen despois unha licenciatura e, cando me ofreceron  beca para estudar canto no conservatorio de San Fernando, considerei que era demasiado tarde.

Case todo na miña vida sucedeu tarde. Cheguei tamén serodia –tiña 26 anos— ao cultivo da lírica e na culminación do proceso da captación para o intimismo tiveron moito que ver as paisaxes telúricas e idílicas dos Ancares. Da man de Juan Ramón Jiménez escribín en castelán o meu primeiro libro, Alalás (1972). A partir de aí, entraron en xogo as amizades e o amor do que sería o meu home e compañeiro de tantas cousas, Xesús Rábade Paredes, co que acabei de conquistar a miña lingua para a escrita.

Ter unha nena e un neno que carecían de literatura que os alimentase espirirtualmente, levoume a inventar anainas e todo tipo de cancións para eles. Aqueles escritos facíanse coa mesma naturalidade coa que lles dabamos de comer pan e compango. Moita desta literatura foi publicada e eu seguinlle dedicando parte da miña creación.

Pasei a narrar porque sentín necesidade de contar o mundo, ademais de cantalo, e cheguei ao artigo de opinión cumprindo dalgún xeito o soño de meu pai, que me quería xornalista.

Finalmente, coas miñas traduccións presteilles a voz a outros escritores e escritoras para que tivesen a oportunidade de se chegar a un idioma máis.

A poesía, que é o xénero no que me expreso con maior facilidade e a que me produce maior gozo estético,  proporcionoume un xeito de “ser” e de “estar” no mundo. Con ela déixome levar por impulsos e tensións que me colocan fronte a min mesma e fronte ao resto ata diferenciarme -e confundirme- na estrema dun proceso osmótico, ás veces moi pouco comprensible, conformador dunha unidade interior que evita a fragmentación e que protexe do caos. Ante calquera situación vital, recoñezo que reacciono sempre sempre desde o pensamento poético, para a dor e para o gozo, para o desespero ou a resignación.

Escribir e vivir a poesía axúdame a recobrar a emerxencia temporal do pozo escuro e frío que me precede e a presentir a continuidade do fluír que me sobrevivirá.

Sei das constantes que dinamizan a miña obra poética e que tamén me coutan cos seus límites: a saudade, tristeza permanente por algo perdido que nin sequera tiven; a morte, supremo momento de transformación do dinámico en estático e eterno; o amor, liberador e guía do entretanto; a terra e a paisaxe, parte aglutinadora de min mesma cara atrás e cara adiante; o mar, a redondez do gran tamaño e da envoltura.

Pero aprendín tamén a mirar cara fóra, valorando o que desde a poesía se pode facer polo mundo e pola sociedade abandonando un tanto o egocentrismo. Esta dirección cívica, o último rexistro ao que cheguei no proceso madurativo, é un exercicio solidario que me axuda a vivir integrada e canda os meus, patentizando o compromiso cunha serie de causas que aínda parecen precisar de min: o meu xénero, o meu pobo, a miña terra, a miña lingua, a miña cultura, o planeta e os desherdados de todos os lugares e de todas as fortunas. E todo isto feito coa linguaxe máis connotativa e máis elaborada dos humanos: a palabra poética.

Na rede:

O Facebook da autora
Caderno da autora
A autora na AELG

Poemas:

KENNINGTON ROADDo seo da taberna mana a música
e acordeóns e violíns
pola vidreira oeste
cortan a luz do sol en poliedros
e colocan no colo desta tarde
os últimos diamantes.

Veño de ver os cisnes polo Támesis,
de ulir os sabugueiros que ateigaron
o aire de branco olor
e de escoitar nos dedos dos abetos
os pianos do vento.

E téntame a taberna
coa súa bocalada de bafo quente,
coa música verquida por entre escumas de ale
e a invitación ás danzas que eu bailara de nena‑maia,
cando el soltaba a música en fervenzas
por riba das glicinias dos corredores
que facían a sombra
onde eu simbolizaba a primavera.

¡Canto tempo perdiches!, di o sangue

vertido das feridas dos cristais
que se derrama nos perfís borrosos
das cousas e os sabores
e o reproche fai ecos
na cor esvaecida que se esparexe,
nun harmónico acorde de cadencia final,
na derradeira gota de licor
que esvara pola copa e polos beizos.

Porque souben marcar cada poema que virou o meu mundo
cun pétalo de rosa
e deixar calendarios nas cortizas das árbores
para marcar o amor,
pero non souben anotar o día
nin a hora
nos que el tocaba para min
a derradeira música.

(Nas hedras da clepsidra, 1999)

FRASILIA

“Frasilia será sempre nova
porque os deuses a levaron a cabo deles
cando andaba na flor
igual que a primavera”.

Frasilia era filla dun pai nobre
que pagou a un poeta
para que compuxese este epitafio
e a un escultor que lle refixo o corpo con branquísimo mármore
para que ela puidese termar intemporal coa man esquerda
do bocho funerario da flor de loto
e estirar coa dereita
a caída da saia inmaculada.

E tamén era filla dunha nai nobre
que chorou desesperada o designio dos deuses
e rodeou de anémonas
–esas que son levadas polo vento–
traídas desde Olimpia
a súa cara carnal.

Frasilia vive agora no museo de Atenas,
rúa Panepistimio, moi cerquiña
da gran praza Sintagma
onde os gregos chaman as cousas de cada día
cos nomes que nós temos atafegados
polas solemnidades.

Atenas, 4 de marzo do 2000

Publicada na revista Xistral (2001)

AS CAIXIÑAS DOS MEDOS

Preguntábase,
mirándose no espello
que lle amostraba todos os días a mesma cara de onte,
se xa sería vella
e ante o silencio
iniciou un paseo de zapatillas gachas
ó interior do seu corpo.

Nadou baixo as fervenzas das aurículas,
sentouse moi a modo no xardín dos artellos
e seguiu o paseo das arboredas
dos tendóns outonais.

Pero non atopou a senectude
e seguiu máis adentro buscando frondes en viaxe infantil
onde tiña soterrados os seus medos,
uns medos que naceran perfumados de primavera
e que permanecían en caixiñas
que ora estaban recubertas con inocencia de chocolate
ora de frío lacerante como eses carambelos
que expenden as xeadas á beira dos tellados.

Despois abriunas como tantas veces
e atopou os seus medos tan resecos
que só eran poeira de palabras,
memoria inerte,
pura cecina de alma
manando da memoria coa racionalidade
da táboa de Pitágoras
e a criba de Eratóstenes.

Volveu da súa da viaxe.
Descubrírase vella e predisposta
a perderse no aire calquera tarde quén sabe cara ónde
como a flor das anémonas.

Publicada na revista Zurgai (2000)

 

CIDADES 8

Dei catro voltas á ríspeta ceiba
nunha praciña de La Habana Vieja
e cavilei nos catro desexos de meu pai.

O primeiro, chegar vencendo o océano…
e non dei adiviñado os outros tres
porque eu daquela era pequena,
tan pequena e mulata,
tan oculta nos soños
que non era.

Tampouco non souben ata hoxe que o desexo
está en dúas partes ao mesmo tempo,
que sae da terra e volve doutra terra
alimentada co noso sangue
-quilma de guano,
dicía o meu parente de Bullán-.

Nin sequera sabía ata esta tarde
que as negras ao pasar moven o corpo
co ritmo das historias esquecidas
e que La Habana non foi máis que un soño.

La Habana, febreiro de 2008

De De rosa antiga (inédito)

ORTOGRAFÍA DA DOR

Doado é recordar
que a dor escribe con ortografía
aprendida nalgunha primavera
iñantes de que canten os paxaros.

Eran as ameixeiras quen andaban na flor
pintando esa paisaxe inxenua e limpa
dun xardín xaponés.

Saíra o sol detrás das chuvias todas
e crebou o silencio,
que as abellas bailaban coas súas áas sonoras
para que fecundase esa brancura.

E daquela caeron entre o seu besbelleo
campás acompasadas canda as pétalas
que remove unha brisa
para avisar ao mundo da morte daquel pai
que para el nunca tivera rostro.

Tampouco non viu nada esa mañá
que viña tras do inverno,
pero ti describícheslle o xardín
que se tiña no aire
e el colleu a túa man
para aferrarse ao mundo
que se lle ía.

Esa mañá a dor
ditou as súas normas ortográficas
que quedan invisibles
agás a aqueles ollos
que soamente serven para o pranto
e a quen estende a man
para que o mundo siga.

De Remontar o río (inédito)

TRISTIA

Parce mihi, nunquam versificabo, pater!
Ovidio

Xa se acabou o roce canoro dos paxaros
nas ponlas estiradas que espidas adormecen
e acougadas as follas das apertas do vento
dispostas a morrer, molladas enmuden.

Entre os pasos e a terra sepúltase a memoria
dos días en que a vida brillaba alegre ao sol
pero insistiu a chuvia en acabar coa folla
e en sepultar os gozos do tempo que pasou.

Cecais se borrasemos a palabra tristeza
que xoncendo os poemas vai no noso fardel
nós tamén seriamos como árbores espidas
que ven chegar o inverno pero non pensan nel.

Abuín, decembro de 2010

TERRA QUEIMADA

Ardeu a terra e rematou no edén
o canto sulagado do río que serpea
en conversa telúrica.

A borralla quentando a fumegada
que deixou a paisaxe
fai tremer a unidade do mundo que sustenta
co misterio do bosque as pisadas do tempo.

Ardeu
o canto vertical dos ouriolos
os reloxos dos cucos,
a axilidade aérea de esquíos e xinetas.
E ardeu a conca triste dun chan que esquece as chuvias
que lle arranca a sede
ás bocas do dragón embravecido.

Alzadas contra a esterpe de todas as razóns,
as lapas arrancaron o útero e os seos
da terra fecundable que hoxe amosa
a faz dun ser tolleito.

Só a desolación
da cinsa gris cal cabeleira cana
do tempo despenado
permanece e lamenta a condición
de algo que foi paisaxe e xa só é
beleza consumida, vida ausente
baixo dun sol sombrizo
e dun luar que sangra na corteza
da terra calcinada.

Se algún canto saíse
hoxe desta parame
apegada ao esqueleto que descarnou o lume,
soaría a estertor,
a dies irae.

Abuín, polas Fragas do Eume, 7 de abril de 2012

Advertisements