Xabier Xil Xardón

xabierxilxardon

Nomeado por:

Xosé Daniel Costas Currás
Alberto Lema
Ledia Costas
Gonzalo Hermo
Silvia Penas
Celia Parra
Isaac Xubín

Nomea a:

Gonzalo Hermo
Isaac Xubín
Samuel L. París
Oriana Méndez
Xabier Cordal
Anxo Angueira
Silvia Penas
Manuel Outeiriño
Antón Lopo
Elvira Ribeiro Tobío

Bio-bibliografía:

Naceu por imperativo biolóxico en Morgade, Xinzo de Limia, en 1983. Curso estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo onde acadou varios premios literarios nos certames anuais que convoca esta universidade. No 2007 recibiu o premio Antón Tovar do Concello de Rairiz de Veiga con abismalia, un poemario por sorte inédito grazas á desidia das autoridades convocantes. En 2008 recibiu o Eusebio Lorenzo Baleirón con Cando menos a derrota. Tamén escolmou e reescribiu os contos de tradición oral recollidos no libro Contos de ida e volta. Participou en varias publicacións colectivas e é membro das Redes Escarlata e asiduo do colectivo poético da Hostia en Verso.

Poética:

Roubáronnos as palabras grandes. Debátome entre tentar escribir un berro ou tentar escribir un asubío. Sempre fracaso, mais o esforzo déixame exhausto e creo que dou co pracer nese cansazo. Desa impotencia por significar tiro azos para escribir de novo, unha e outra vez, por temporadas obsesivamente. Reléome. Confeso que me releo obsesivamente e con impaciencia teimuda por atopar algo que me recorde a min ou ás miñas unllas, mais o acubillo non existe para alén do branco, e sempre todo sabe a pouco. Crieime diante dun televisor cheo de vacas que chiscaban un ollo a cámara lenta como ofrecendo a vida plena, tan eterna. Escribo, quizais ou sobre todo, para increpar o publicista. Foi el quen nos roubou as palabras grandes, estou certo, as que tanto e tanto… mais deixounos unha morea inxente delas pequeniñas que podemos utilizar de cuñas para alargar as fendas, coma quen di, erguer con elas as máis fermosas barricadas. Inda que só sexa para librarnos dunhas cantas balas máis, sete ou oito ou mesmo dez, que máis ten? Total, aquí son de mentira.

Poemas:

“EPICENTRO DA BARBARIE OU XA NON SEI COMO DICIRCHE QUE”

(Texto editado en 2011 polo Museo do Pobo Galego nun libro colectivo. Edición non venal)

Escribimos “anta” no GPS. clique.
exilio en nós ou teoría da acción
Habitamos as eras todas descontadas
Habitamos todo canto foi e, xa que logo, É
UN HOME , UN CADELO STRMACI´N-
Empregamos a disxunción non para dar escollas
para reforzar a idea do uniforme na penumbra
Habitamos o inevitable porque non se fai camiño
ao andar o camiño é a caída que nos di traxecto
e o camiño é XA, contra o cerne da barbarie:
Este texto é un telexornal.
Xa que logo, e seguíndomos o manual de primeiros auxilios
do bo espectáculo posmoderno,
procuraremos mesturar o cóctel ben mesturado e
remexelo ben remexido para ocultar ben ocultos
os marcos todos e as estremas e isoglosas e palabras e palavras
Comunicarémonos co interior da mazá apodrecida
para dar conta de que o verme goza de boa saúde
Moverémonos en todo momento entre a aparencia e a pura lóxica
Diremos que a verdade é relativa coma quen lle ofrece
chutes de heroína aos nenos
Inventaremos contrarios até o absurdo
para impedir a realización do omitido-revolución-ou-sombra;
o “pode ser que” co “é que”;
o papel do Estado no destacamento de campaña
ahistórico postindustrial coa escolla imposta mediante
a pragmática performativa que esixen as necesidades
do capital transnacional para manter o impassexxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxx
sedentarismo histórico
e a imposibilidade dun presente a cada clique do reloxo de parede
que agora che recorda,
clique a clique,
que malia a que non hai volta adiante
cando menos respiramos inda,
e que nos vas dicir a nós, Jean-François,
se levamos toda a vida mamando por estes olliños
unha historia na que non se escribe o noso nome,
toda a vida reinventados,
mirándonos de esguello,
apuntándonos coa ollada,
desconfiando de se somos nós quen nos miramos
ou son outros.
Porque suceder é claro que sucede, Jean François,
e mais non todo sucede tanto
E porque por máis que lles foda a quen lles foda
queremos ser o suceso no que reparemos, igual có verso
que vén a continuación destes dous puntos:
-a-o -a -o-a -ue -o- -a-íu a -o-@-!

Imos bailar un valse
a ritmo de muiñeira
drum&bass
drum&bass
no saloon en que se libran as batallas
das que se compón a permanencia
vestidos de cabareteira
drum&bass
drum&bass
un valse de couce e aturuxo

UN CARPINTEIRO TALLA NUN CEPO E
A TARDE ESVAECE EN FUME DE LABRA
OU GOLPE.
O CARPINTEIRO LABRA NO CEPO E
A MATERIA ESVAECE EN CINSA DE LUZ
OU GOLPE.
ESTE CARPINTEIRO LABROU ESTE BALEIRO
NA MATERIA QUE ESVAECEU EN RECORDO DO CEPO
OU
“Véuselle a casa enriba mentres durmía!”.
Agora preguntámonos se foi cousa dunha bombona de gas,
dun incendio ou dun mal soño. O xefe de bombeiros, home forte
de bigote espeso e uns cincuenta ben levados, repite:
“Véuselle a casa enriba mentres durmía(!)… e cremos
que non espertou aínda (RISAS DE MÁQUINAS DE
FACER RISAS CONTENTAS) O xefe de bombeiros continúa:
“Pero vaia, non foi nada. Total, o morrer xa lle ía na idade.
Hoxe lévanselle cousas máis atemporais, non sabe?”

A casa lévase por dentro,
coma o contrabando e a caña de herbas;
coma a esencia, o arroto a ourego do chourizo do porco
do ano do porco do horóscopo chinés, “non sabe?”
O caso é que a vella morreu,
sepultada polo hábitat,
olla como te engole,
olla como te engole,
olla como,
olla
UN MUNDO MELLOR: KRAFTWERK
OU COMO TROCAR O ESPELLO POLO RETRATO ROBOT
Á PROCURA DE MAZA E BISTURÍ ENTRE A FERRALLA,
DO METAL FORXADO NO TEMPO SEN FERREIROS,
DO FLUÍR METÁLICO DAS HORAS A TRAVÉS DUN PEITO
DESECADO
KRAFTWERK
MOTOR DE EXPLOSIÓN
KRAFTWERK
TAXIDERMIA

Un can arrinca un brazo
de entre o medio dos cascallos

Va que son fermosos os pastores alemáns?
eu tiven un pastor alemán e chamáballe Imperial.
moito lle gustaba levantarse nas patas de diante.
va que son fermosos os pastores alemáns?
como tornan pola noite do sono dos meniños

Vexo Vigo!

TODOS CHORAN. MAIS DA CASA HOXE
XA NINGUÉN SE ACORDA.
A CASA FÍXOSE AIRE, TRANSPARENCIA

O predio que se ergue agora
por riba da súa ausencia
(non debería pensar tanto na matanza do porco)
enche os ollos verdes do niñato de los cojones
coa perpetuación da barbarie en interiores comúns
cara á vista-XA TEÑO ESTADO AQUÍ NOUTROS LUGARES
e o pastor do belén da caixa de aforros
non sabe que te estou mirando
TSSS!!!
…fala, deus non escoita

Vexo Vigo!

POR ONDE?!

Era a cidade un anaco de historia
canda á última casa.
E a cidade agora non é nada
e esta vaca non sabe que te estou mirando
e que esta cidade agora non é máis nada
ca un oco en mapas do tempo
entre isobaras
E o único certo que dixemos até agora
é que xa todo está feito do menisco dun mamut:
apoloxía do xenocidio,
cunetas,
pasarelas,
extinción,
PVC,
PVP,
ocultación!
(e as palabras dirán
algo de seu?)

Vexo Vigo!

POR ONDE SE NOS FILTRA A CHUVIA? POR ONDE?

E os que vimos do rural,
falando claro,
non sabemos quen carallo construíu
un crioxenizador infantil
por riba desta aldea
nin a quen mecaghondiós lle pediu permiso
para facelo.
E dos de aquí,
que eramos nós e non estamos,
inda non sabemos nada

Un Relato:
xogaba a agocharse por ver se o vía alguén
inventando columbostratos.
ao saltar nacíanlle dos pes hedras violáceas
rubíndolle entre as pernas.
sentía no ventre un despegar como de brazos
anoándoselle ao aire imprevisibles.
que mais ten o que soubese?
o caso é que saltaba
e construía o esquezo no van dos pés.
o caso é que ascendía
coa certeza da caída e a posibilidade física,
inminente, miserable, tan humana… do retorno.
que máis ten o que sentise?
abaixo deixaba veiga, membros amputados,
cadabullos de cachote e croio informe
deliñando a resistencia
e as serras da contorna circundando.
que máis ten a quen amase?
se apenas son palabras… un relato:
NON SABÍA POR QUÉ SUBIRA TAN ALTO
NIN POR QUÉ TIÑA QUE DESOUVIR
AS LADEIRAS DO MUNDO.
TAMPOUCO O PREGUNTARA.
A SÚA OLLADA OBXECTO
AQUELES BERROS SOTERRADOS NA DISTANCIA
E POR UN INTRE TODO FORON COORDENADAS
SÓ FORMIGAS CUADRILÁTEROS
NA VERTIXE DO LATEXO OS ALENTOS QUE RESTABAN.
ANTONTE OS NENOS SOÑABAN CON PEGASOS
HOXE ESPERTAN E CHAMAN ENTRE O LIMO
NUNCA TANTA DIGNIDADE XACEU NUN CROIO
AO DEIXAREN DE LAMBER FERIDAS
SEGUEN XOGANDO AOS INDIOS E AOS VAQUEIROS
NUNCA A HUMANIDADE PESOU TANTO
NA HORA CALQUERA REBENTARON AS PALABRAS
MUXICAS NA SOMBRA E DO FUME VERDESCENTE
AGROMAN ÁTOMOS DE URANIO
EXPÁNDESE O BUFÓN DO IMPERIO
HAI FRONTEIRAS NOS MAPAS DO TELEXORNAL NOITE
QUE DENUNCIAN SILUETAS DE COLECTORES DE LIXO
(TRALA PUBLICIDADE)
NOS MAPAS DO TELEXORNAL COLATERAL NOITE
POR BAIXO DA REIXA PARABÓLICA
RABAÑOS DE HUMANOS QUE NON SON XENTE E
BEBÉS QUE NACEN SEN CABEZA
PENETRA O ARTIFICIO
EN TODA VIDA
O UNIVERSO
É PIROTECNIA
U RA NIO HIS T O
RIA AM PU TA
CIÓ N DES E X O
LIBERDADE DERRAMADA
EN CADA ANACO.
A GRAZA DO CONTO ESTÁ EN GARDAR DISTANCIAS

ÚLTIMA HORA:
un suicidio colectivo volveu tinguir de sangue
a nosa costa. desta volta os feitos SUCEDERON
no peirao do Berbés. devolvemos a conexión
aos estudos centrais até termos máis novas.
Para Eiquí TV, Dani Soto sempre ao pe da noticia

trala fiestra baldeira

Chaves non existe no meu imaxinario colectivo
Monte Alegre e o Barroso tampouco
e mais cando lavo as mans despois de acariñar o can
acórdome do bacalhau à moda transmontana
e dos pastores do Barroso falando con gheada
en Bande aprendín a dicir carrambeadoiro
en Calvos contrabando San Paio A Boullosa
en Monte Alegre bife de vitela
deica nós
Tourem/Torei Pitoes das Júnias ou
corno de chamar polo clan Raíña Loba
en pasando Tosende Meaus
en seguindo camiño deica nós
Santiago dos Mistos Rubiás deica nós
que é noso
o camiño do privilexio
que é de nós
porque nunca os desatamos
deica nós,
deica a fronteira,
esa estrema que se escribe
entre un paso e o seguinte:
Couto Mixto-Ferrín-Torga ou
Raia Seca
porque a percorre todo ao longo
unha gabia de tempo
sobre a que nunca chove

Ao xeito da lenda popular,
ao xeito da columna vertebral
do inconsciente colectivo,
seguiremos o novelo até onde nos o novelo leve.
E o novelo describirá un espazo de interiores
por dentro do máis interno

do Padornelo ás ruínas desta casa que se lle veu embaixo,
pasando polo castro das Muradellas e de aí
ao Pico dos Tres Reinos e deste
ao Cortello dos Lobos
ata esta casa
(alá, no cortello, no alto dos altos todos
alá caeu Cabra Matona
aguilloada coa memoria das Portelas
empalada e paseada
RETAGARDA!)
de fraga en fraga
en rebumbio descontinuo
alongando a la
dunha calceta interna
e o novelo vén rubindo
polo Tuela pozo a pozo
deica o Cúa onda o Medulio-casa
entretecendo a casa deica o Navia
e o novelo éo penedo pena
Taramundi-nube
e navalla en peto para dicir colmado
que peneira a chuvia parecido a como a vella
peneiraba a noite da Teixeira aos Teixois,
parecido a como o fruto do tempo humedecido
pola terra se evapora e amolece o canto,
a conversa, o verso,
todo canto viaxa en tempo

e mais
xa só resta daquel tempo algodonoso
apenas medo
e un comboio descendente
que non para
nin sequera ao reescribilo
un comboio descendente
que non para
nin sequera ao reescribilo
un comboio descendente
que non para…

A continuación mostramos en exclusiva
as arrepiantes imaxes da medium Rosalía das Poldras
transmitíndonos unha mensaxe dos devanceiros
que nos seguen pola canle amiga Alén TV:

“SOMOS E PORTANTO DECIDIMOS,
MALIA A NON POSUÍRMOS MÁIS
QUE AS PALABRAS DUN IDIOMA ÁGRAFO
DESNACÉNDOSE DE SEU EN CADA ALENTO (…)”

Interrompemos a emisión porque nos comunican
que hai novas sobre o acontecido. Conectamos co lugar do suceso:
adiante compañeiro Daniel!

Ola de novo, camaradas. Pois, efectivamente, cando comeza a raiar o día aquí, nos lugares do suceso, vimos de saber que o atentado foi reivindicado pola organización terrorista ETE mediante un comunicado enviado ao xornal pro-capitalista Libertad libertad, sin ira libertad. RepitoxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxFINDAEMISIÓN

Son e vídeo do autor:

Vídeo 1: “É a hora do té”

Vídeo 2: “Na hora do té”

Vídeo 3

Advertisements