Xosé M. Millán Otero

Xosé Manuel Millán

Nomeado por:

Arsenio Iglesias Pazos
Nomea a:

Marta Dacosta
Xosé Daniel Costas Currás
Lucía Novas

Bio-bibliografía:

Nacín en Beluso (O Morrazo), en 1964, e imparto aulas de lingua e literatura galega no I.E.S. As Barxas, en Moaña. Nos anos 90 publiquei dous libros de poemas, Este é o tempo do sal (1992, accésit do Premio Esquío) e As palabras no espello (1995, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón). Algún dos meus poemas debeu gustarlle aos profesores Luciano Rodríguez e Teresa Seara, que decidiron incluírme na malfadada escolma Para saír do século. Nova proposta poética (1997) e noutras colectáneas aparecidas recentemente en francés e inglés. Teño sobre a mesa un terceiro libro, Ritual da vixía, que non encontra padriño desde hai xa nove anos. Debe ser impublicable.

Naqueles tempos dei a coñecer un monllo de traballos sobre literatura galega do século XX (Vicente Risco, Cabanillas, Blanco Torres, Johán Carballeira, Bernardino Graña…) e responsabiliceime da edición dalgunhas das súas obras.

Durante a década pasada desatendín un chisco a Calíope e a punto estivo de abandonarme. Agora intentamos facer as paces.

Poética:

En realidade, son poeta porque Luciano Rodríguez, Teresa Seara e Arsenio Iglesias opinan que son poeta. Beizón a eles.
Levo case trinta anos intentando capturar un verso e sempre foxe o condanado…

Poemas:

ESCOLMA:

 

I

GOETHE IN OCHEN, II

“…
non penses
 e esquece
que fuches un ser humano”
Heinrich Böll

Ute Spölgen, nacida en Tréveris,
lémbrome de ti que non saberás nunca
canto sangue de meu coallou na tua cidade
e como cada inverno se fonde a neve en cinza
e atravesa a xanela un ar que xa non nos pertence.
Mais seguirá a haber follaxe, perde o medo, coa nova primavera,
como de seguro volverán os froitos e outra ceifa;
ti fitarás de lonxe as miñas mans por vacías domesticadas
e sentirei que o tempo esta vez pasou en balde.

Entre tanto esqueceremos
cada poema transcrito a golpes de silencio
e tantas voces malditas
“sete anos e vinte despois (…) sementa de minas a soleira da casa
            endurece o teu corazón, pecha as túas mans,
            derríbame dun tiro se regreso e non sei a consigna”  
Entre tanto esqueceremos St. Paulin ou San Martiño de Fóra,
tanta pedra antiga comunicando extrañas línguas,
tanta historia reducida
a penas a verdello, hedra e sombra
sen poder dicir canto amor, canta rabia, canto odio
afixo o noso corpo ás despedidas;
entre tanto esqueceremos que na Algalia,
na Bruckenstrasse, as rúas conducen a unha mesma soidade
e cada mañá
é máis difícil encontrar un rostro novo para entrar no día,
é máis difícil afirmar a choiva ou esixir palabras
ou a penas
dar con lenzos brancos para mudar o leito.

Esqueceremos, Ute Spölgen, filla de Tréveris
por non dicir do sangue,
todas as prohibicións que abrigaban o teu corpo da saraiva,
todos os espazos mudos entre cada frase,
aquel home novo que veu do Sur
só por despertar en ti fame e sede de infinito
e non había
cuspe, esperma, pranto, amor nin paxaros mouros,
todo era luz no Sur pese ao Reichstag e á penúltima guerra,
a pesar das consignas
que chegaban de noite co peixe e o pan sempre debidos,
a pesar daquel poeta que sementaba de minas templos e palacios
“só por dar nome aos que non o teñen,
            só para que moitos fosen Un único uso de fama e gloria,
            só para dar nome a quen non nomeamos”,
a pesar de non teren madurecido sete anos e vinte despois
cóxegas nos teus xeonllos, mazos de amor no teu embigo
e nos teus peitos a invernía.

Esqueceremos que ti viñas doutros silencios
e nós camiñabamos para lonxe,
cando non era posible todo e sempre
e cumpría andar ás présas para non perder o xornal, o café,
o último autobús da tarde,
cando urxía adiviñar a última raza de luz en cada sombra
para cerciorármonos de que algo bulía
e era doado aínda alentar.
Esqueceremos que en Tréveris
os teus mortos e os meus mortos pelexaban
a dentadas, con amor, a coitelazos, e construían
este anaco de futuro en que a penas habitamos
máis que restos farrapos
dunha historia sen Sigfrid, nin Lancelot, nin Graal,
e tiñan se cadra nomes puros e mans óseas e enrugadas,
e eran capaces de bicar e lembrar lendas escuras,
de afagar e introducirse na materia
ata seren pais e fillos de si mesmos nesta continua loita calada
que deu carne aos teus membros e puxo nos nosos ollos o vacío.

Esqueceremos, podes estar segura, esqueceremos
cando o olvido sexa a derradeira resistencia
o sinal de cada hedra, a ferida da auga en cada ángulo
da noite na cidade vella repleta de presaxios
e íntimas fantasmas que perdían o pudor entre as arcadas resesas,
pedra e máis pedra, en San Fiz, nas Barbarathermen, en Belvís,
e no final recanto da memoria
dúas lagoas azuis con nome de muller nova
que ollaban sen atreverse a atravesar tanta tebra,
decembro ameazando no umbral de cada porta
e non había
furnas, abrigo, saregos, un ventre onde enterrarmos
tantos corpos fuxindo da friaxe, tantos labios feridos de xeada,
tantos poemas, tantos homes vellos e vencidos,
tantas meniñas coma ti louras e inmensas,
tantos ollos axexando acarón de cada noite
a nosa morte pechada.

Agora si, agora xa, Ute Spölgen, dá a alarma.

(De Este é o tempo do sal, 1992)

II

 

RETRATO DE MULLER CON NAVÍOS AO FONDO

Cando te deitaches á man dereita da madrugada
con todos os silencios camuflados
esperabas
esperabas aínda cando os teus labios eran azuis
e a terra dicía non non hai semente non hai máis berros
amordacemos as lagoas os bosques as montañas
amordacemos as furnas e os embigos a boca e o sexo
a música e a palabra
esperabas
na bocarrúa que conduce a cada noite
cando nin o desexo era lícito e soñabas
morte e morte outra vez enchendo todo
unha muller que veu por depedirse
cargada de estrelas na mirada
cargada de ollos amargos e axexante
cargada de séculos de sombra
de mar de medo de apremio de nostalxia

Cando te deitaches á man dereita da madrugada
confluíron todas as marés ao teu costado
e todas as veas e todas as enrugas e toda a historia
esperaban
e loitaban na calada o amor
a ameaza mira é posible inzar de luz os cotelos
mira é posible derrubar a cinza mira é posible
beixar e zugar e lamber é posible
embebérmonos de mencer e marullada mira
sei que hai unha cidade nova alá para oriente
o teu único paraíso non é a miña infancia
mira hai unha cidade nova a facerse flor
non
árbore inmensa

Todos os homes parten cos peitos rotos
coas bocas afogadas de cinza
cos petos colmados de adeuses e palabras
interminables
todos os homes parten
hai unha muller que me chama por mares e distancias
coñezo a súa pel branca de espumas recentes
e a miña cabeza tamén durmiu unha vez sobre o seu ventre
alagado
hai unha muller que me nomea con voces antigas
con séculos comprimidos nos seus ollos amargos
e todos os navíos
dirixen os seus mastros á praia onde deixaches
o soño abandonado

Cando te deitaches á man dereita da madrugada
todo era inútil
ata as cicatrices e os paxaros
mira xa van días rosmando o teu nome indescifrable
parando en todas as esquinas da cidade cansa
saíndo a cada minuto a cada fiestra a cerciorarme
de que todo vai morrer para outros mares
de que unha muller parte cos ollos anegados de silencios
e hai días en que o corazón é unha ferida antiga
de que non non hai raíces para tantas ás

(De Este é o tempo do sal, 1992).

III

 

PERDIDA CARCASONA A CIDADE OS DÍAS OS ROSTROS QUE TIVECHES

nunca máis volverás a carcasona
di adeus á cidade encaramada nos outeiros
e á que repta e se adelgaza na planicie ata o horizonte
e á que pendura do precipicio como agoiro

crerás que foi por desangrares as palabras
porque é bon inventar o mundo e rostros que o fecunden
necesario como un viño tépedo e sal para a viaxe
aínda que en cada pulsación sexa a morte a que palpite
cando esixe o seu tributo en cicatrices

todo volve de vagar ao seu principio
todo regresa con vagar para ser cerna
endurecido talvez no adubo da nortada
onde o tacto é insensible e hai agullas
afiadas na mesma mola que a caricia
todo regresa ao seu centro e no seu límite

nunca máis procures carcasona
hai un bosque entre ti e o que xa fuches
milenario en humus terra estéril
e anoitece con vagar entre os teus ollos

(De As palabras no espello, 1995)

IV

 

abrín os seus ollos e había un territorio devastado
que cubrira o sangue e lavara a choiva
dez cen mil novembros
dez mil batallas sen posible armisticio
a tempo de floreceren as roseiras
abrín os seus ollos e abriuse entón un pozo estreito
convulso coa dor dunha cachoeira
e tal vez non fose a vida a que batía
con rancor dun aprazado cataclismo
tal vez non fose a vida
porque nada vin xerminar desde o silencio
e a vida non recoñece cristais tan fríos

e souben que nada volvería ao ser de antes
sóubeno aquí onde se amontoan as certezas
porque acababa de espreguizarse a esfinxe
cansa de devorar o seu enigma
e alzaba as poutas en sinal desafiante

quen será forte tamén para asomarse
á fin do rito que traerá ofrendas propicias
ao gran deus desarborado
quen vén disposto
a cabalgar sobre o torso da balea
porque alí vin que se erguía unha montaña
alimentada co tesón dun alarido
e un anano disfrazarse de tormenta
e osarios inzados coa flor do outono
e a caída
libre a once mil metros de altura
e o vágado da infamia ao asomarse

pola conca dos seus ollos vin avanzar o anxo terrible
e tendinme ao seu carón confiada e núa
e acaricieime como secando un manantío

e aínda agora ás veces me pregunto
se alguén conserva as forzas para erguer a esqueira

(De Para saír do século. Nova proposta poética, 1997)

 

 

V

 Como heraldo do antigo deus do viño
 que andou escuras terras e así chega
 a furto sobre os ombros da galerna

á praia onde unha vez foi o principio.

Como un heraldo escuro en terra plena
sobre os ombros dun vello maleficio
que bebe a furto os ventos do camiño
e fai da praia abeiro da súa vela.

Como un escuro deus en terra antiga
botado a un mar de tempo e tempestade
para trazar a lenda do perdido.

Como un escuro deus que anuncia o día
a furto na tormenta e xa non sabe
se queda area onde encontrar abrigo.

(De Ritual da vixía, inédito).

VI

Cada tempo non só soña o seguinte, senón que
soñadoramente apremia o seu despertar”.
Walter Benjamin

Para posuírmos un lugar cómpre entrar nel

desde os catro puntos cardinais, para partir
despois nas catro direccións. Soamente coñece
a corda e a madeira aquel que van aforcar.

Mais no meu soño non estou a soas. Comigo
hai camaradas e hai un aroma de barrís.
¡Gañemos a ebriedade para a revolución!
Ben peor é a droga que bebemos en soidade.

Pois nos seus estremos o mundo está enteiro e san,
neles o asombro porque as cousas que hoxe vivimos
sexan posibles aínda…
…Quen está en xexún
fálanos do soño como se falase en soños.

Feliz se te observas a ti mesmo con terror.
¡Que fácil é amar a quen se vén a despedir!
(Port-Bou, 26-9-40)
 
(De Ritual da vixía, inédito)

VII

 

Porque así escribimos os sinais da derrota
sobre peles brizadas por engano e afrenta.

Non busques a tumba do rei, o torso do heroe
nin o corpo curado con herbas de líbano.

Aquí non se ergueron mausoleos nin triunfos,
nin plantamos loureiro celebrando os regresos.

Que aquí ninguén regresa porque nunca partimos.

Olla a lámpada acesa ao pé do deus dos mortos,
os muíños de lava escura de sicilia,
as vasillas cocidas polas nosas mulleres,
na fornalla onde arderon entón as vellas voces.

Olla os muros caídos da casa onde nacemos,
o lar sempre apagado e o couselo que medra
por rueiros que agora só percorren as sombras.

Neste intenso baleiro pese a todo existimos,
neste mesto silencio contra todo existimos.

(De Ritual da vixía, inédito)

VIII

NENA DO MAR DE GAZA

O teu cabelo de cinza Xulamita cavamos unha foxa no ar alí non hai estreitura

Paul Celan

onde houber leite negro da alba para beber
beber contigo o mar de gaza nos teus ollos fríos
nas concas dos teus ollos que se abren como abismos
negros coma o leite que dá o espanto
ou unha ponla de abelaira soterrada entre cascallo
metralla de lucecús estraños de lúas desprendidas
de animais atroces que gravan na noite o seu lamento
de silencios afiados coma balas de corpos destrozados
de flores chantadas canda ti en terra amarga

onde houber leite negro da alba para beber
contigo no teu riso vivo nena do mar de gaza
ou comermos o pan asmo da tristura e saber que hai primavera
e unha razón solar para facer máis vida
e envellecer a penas como gardiáns dos días
para contar a penas os días que van fuxindo
as follas que un vento leva
os viaxeiros que atravesan o camiño
e só de tarde en tarde un golpe de tenrura

beberemos leite negro na túa memoria promesa perdida
flor de gaza segada no arrauto da blasfemia
e selaremos os teus ollos coa moeda máis prezada

a rabia para quen cortou os teus cabelos de ouro
a rabia para quen cortou os teus cabelos de cinza

(Inédito, 2009).

Advertisements