María Reimóndez Meilán

mariareimondezmeilanFoto: Eva Mejuto

Nomeada por:
Eli Ríos

Nomea a:

Ana Romaní
Antón Reixa
Erín Moure
Pilar Pallarés
Marga do Val
Yolanda Castaño
María Lado
Lucía Aldao
Estíbaliz Espinosa

Bio-bibliografía:

María Reimóndez Meilán naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión. O seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Edicións Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Edicións Positivas 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha  (Edicións Xerais, 2006) e do Xerais con O club da calceta (Xerais 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano e o castelán, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. Tamén ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest.  En época máis recente publicou para o público infantil Lía e as zapatillas de deporte (Xerais 2008), Premio Frei Martín Sarmiento 2010 e O Monstro das palabras (Xerais 2009) e Pirata (Xerais 2009) para público adulto. A súa última novela é En vías de extinción (Xerais 2012) e é co-autora con Olga Castro do ensaio Feminismos (Xerais 2013), se ben xa en 2010 publicou un capítulo sobre a violencia simbólica contra as escritoras na crítica literaria en Galicia no volume Violencias visibles, violencias invisibles co Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias. (Icaría 2010). Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego . En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais.

En 2010 foi escritora convidada na Universidade de Bangor (Gales, Reino Unido) onde impartiu diferentes conferencias sobre tradución, escrita e literatura, ademais de facer unha lectura de Pirata en Londres. Igualmente realizou estadías na Universidade de Stirling e na Universidade de Munic e en 2011 foi unha das escritoras admitidas no programa do Instituto Cervantes de Munic e na casa de escritoras/es Villa Waldberta.

Ademais, Reimóndez completa o seu traballo literario coas colaboracións en prensa nos desaparecidos A Nosa Terra, o Xornal de Galicia, VIEIROS e os existentes Pro-texta ou Sermos Galiza, Tempos novos ou a Festa da Palabra silenciada. Igualmente forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) da Universidade de Vigo, onde realiza a súa tese sobre a interacción do Feminismo, Poscolonialismo e a Traducción.

María Reimóndez leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realiza a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, principalmente de formación e participación en diversos proxectos, todos na India, funda a Organización Non Gobernamental de Cooperación ao Desenvolvemento IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO (www.implicadas.org) que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable. No terreo María Reimóndez é experta en enfoque de xénero na planificación e avaliación de proxectos de diversa índole, sobre todo de desenvolvemento integral tanto en zonas urbanas como rurais. Reimóndez é tamén consultora da organización alemá Kinder-Not-Hilfe na aplicación da metodoloxía dos grupos de aforro e o enfoque de xénero, á cal asesora a partir de 2011 no uso desta forma de traballo en Haití tras facer algúns traballos de consultoría en Ruanda. María Reimóndez é tamén fundadora e ata 2009 foi secretaria da ASOCIACIÓN GALEGA DE PROFESIONAIS DA TRADUCCIÓN E DA INTERPRETACIÓN (www.agpti.org).

BIBLIOGRAFÍA

COMO AUTORA

Obra individual

Moda Galega, Edicións Positivas, 2002
O Caderno de Bitácora, Edicións Positivas, 2004
Crónicas dende a India (libro dixital)  http://www.vieiros.com/welcometotiruchy.php
Usha, Finalista do Premio Merlín 2005, Edicións Xerais de Galicia, 2006.
A videoconsola, Edicións Everest Galicia, 2006.
O trasno burlón. Edicións Everest Galicia, 2006.
Colegas do futuro. Edicións Everest Galicia, 2006.
O can trampulleiro. Edicións Everest Galicia, 2006.
Misterio no Deza. Edicións Everest Galicia, 2006.
Unha viaxe no tempo. Edicións Everest Galicia, 2006.
O Club da calceta, Finalista do Premio Xerais 2005, Edicións Xerais de Galicia, 2006
Lía e as zapatillas de deportes, Edicións Xerais de Galicia, 2008
Pirata, Edicións Xerais de Galicia, 2009.
O Monstro das palabras, Edicións Xerais de Galicia, 2009.
En vías de extinción, Edicións Xerais de Galicia, 2012.

Obra colectiva (selección)

-Castro, Olga e Reimóndez, María. Feminismos. Xerais, 2013.
-Implicadas no desenvolvemento. As que rubimos montañas. Meubook, 2012.
-Implicadas no desenvolvemento. O son das buguinas. Xerais, 2007.
-Implicadas no desenvolvemento. Vanakkam, Benvidas. Galaxia, 2008.
-Jares, Xesús R. Educación e paz III. Edicións Xerais, 2008.

COMO TRADUTORA (galego)

-Salma. Despois da medianoite. Xerais 2011.
-PONIATOWSKA, Helena. A filla do filósofo, Galaxia 2009. (castelán)
-Moure, Erín. Teatriños ou Aturuxos calados. Galaxia, 2007. (inglés)
-Heine, Helme. O coche de carreiras. Xerais, 2003. (alemán)
Mitos e lendas hindús, Edicións Positivas, 2002. (inglés)
-Collinson, Roger. As cousas de Berta, Xerais, 2002. (inglés)
-Heine, Helme. Os tres amigos. Xerais, 2002 (alemán)
-Berner, Rotraut Susanne, Onde está Orelliñas?, Xerais, 2002. (alemán)
-Berner, Rotraut Susanne, Orelliñas vai de compras, Xerais, 2001. (alemán)
-Berner, Rotraut Susanne, Bos días!, Xerais, 2001. (alemán)
-Berner, Rotraut Susanne, Boas noites!, Xerais, 2001. (alemán)
-VELTHUIS, Max. Ra e e rata. Xerais, 2000. (inglés)
-VELTHUIS, Max. Ra e lebre. Xerais, 2000. (inglés)
-VELTHUIS, Max. Ra e pato. Xerais, 2000. (inglés)
-VELTHUIS, Max. Ra e porco. Xerais, 1999. (inglés)
-Burguess, Melvin. Ionqui. Xerais, 1999 (inglés)
-Mara, Rachna. Entre o costume e a ruptura. Xerais, 1997. (inglés)

Poética:

Poesía é
a carraxe dunha pedra
contida na palabra
fronte unha carga policial.
(Moda Galega Reloaded, previsto en Edicións Positivas en 2013)

Na rede:

Caderno da autora
Outro caderno da autora
A autora na “Galipedia”
A autora na “AELG”
A autora en “BVG”
A autora no “Caderno da crítica”
A autora no “Criticalia”
A autora en “A Sega”
A autora en “Cultura Galega”
O “facebook” da autora
O “Twitter” da autora

Poemas:

soñei
que o presente continuo
era o único tempo verbal
para quererte
se ti tiveses comprendido

Presente continuo. Xerais 2013 (previsto no mes de xuño).

Mórdenme a pel as cordas
o peso ao lombo
as dentadas absurdas de cada paso.
En cada paso un atranco
en cada atranco
unha man que se dá aberta
unha aperta que me envolve
un alento do pasado que me calma.
Nesa soidade intensa dos minutos
nos que nada semella ter sentido
búscovos
as miñas compañeiras
que rubides montañas
comigo
no voso silencio e soidade
acompasando os pasos entre os verdes pregos
de mundos infinitos
que agardan cada día
a seren conquistados
por nosoutras
de anchos lombos
de fortes costas
de afoutas pernas
de intensas
e fondas
voces.

Implicadas no Desenvolvemento. As que rubimos montañas. Meu Book, 2012.

Só as persoas mortas
coñecen do mar as entrañas.
Na costa de Haití
os nichos son máis grandes cás casas
e unha alemá pregunta:
como é que non lles fan ventás cara ao mar?
Como se non abondase con terlle que remexer
as tripas para sacar algo de comer
no medio deste deserto,
como se unha casa non fose
o medio de protexerse da intemperie
entre o vento, o sol, o salitre e o tifón.
Só as persoas mortas
coñecen do mar as entrañas.
Residen con elas e xogan entre os barcos
as miñas meniñas e os meus meniños
que correron pola praia de Karaikal
enlazados ao argazo
para nunca máis volver.
Perdidas as crianzas da man da súa mai.
Aquilo semella ficar lonxe
mais nin elas nin eu esquecemos.
Só as persoas mortas
coñecen do mar as entrañas.
Nelas habitan flutuantes coma pintura azul que se dilúe
sen fronteiras peláxicas.
Non fican fantasmas
senón peixes
e barcos
e áncoras
e coral e rocha.
Non podemos pescalas
para sempre lonxe.
E dende a praia
dende o marco
pescudo cos ollos infinitos as súas pegadas na area
preguntándome se me levarán coas súas crebas
a un tempo mellor.

(Poema publicado no Libro Homenaxe a Urbano Lugrís)

Ausente
e presente
facendo uso das calidades
que só dominan os espectros
chego a vós
como un espellismo sonoro
atravesando as fronteiras da luz
os meridianos e paralelos
para falar
nesta seance
na que se invoca o meu nome.
E eu respondo
a través do espectro tecnolóxico
a mátrix e o ciborg
as extensións do corpo humano
que cada vez é menos animal
e máis mecánico.
Ou?
É?
Así?
Non hai detrás da matrix
unha matriz
humana e húmida
que sinto latexar no meu corpo
mentres combo o diafragma?
Non hai no ciborg
as ideas das bonecas
que entre as nosas mans de mulleres
tecimos?
Non hai no metálico
e nas pantallas
o escuro recordo do espello
onde o espectro aparece
para enchernos do arrepío
incesante do alén?
Porque se cadra os espectros coma min
incorpóreos en aparencia
non estamos máis que para
descubrir
que hai
do outro lado do espello.
Coa miña voz,
o único material que aínda me queda,
téndovos unha tenue man.
En Santa Compaña
no reflexo das palabras
porque nada hai máis espectral
ca escrita,
ausente e presente
camiñemos.
Non hai distancia máis longa
ca esta que nos separa
nin ismo
nin iato
nin pasarelas
poden facer
que volva chegar a ti.
Xa nunca máis dirás ao teléfono
“Ola Mariña”
nin aparecerás vestida coas cores
combinadas de sol e luz
falar das plantas que en Vigo
come a mosca
que non volveu dende que ti marchaches.
Mais eu négome a borrar o teu teléfono
e a fumigar na terraza,
non vaia ser
que a mosca traia o teu recordo.
Nas sabas enguedéllanse
avelaíñas sen sentido
e unha cae abrasada
de dentro da caldeira
sen ser quen de poderme dar
a túa mensaxe
se é que a iso viñan.
Pretendo penetrar cara o furado
negro
que no meu interior
marcan agora
perennes isoglosas
e hemisferios nos cales
hai un antes un despois
un estar e unha nada.
Frego os ollos dos últimos
e derradeiros días
miro a miña cara
para atopar nela os teus trazos
o meu corpo
nel tamén a enfermidade?
E en cada ollada,
en cada palabra
e en cada silencio
reafírmase
a única
e insalvable
-por sempre-
distancia.

(inédito)

es ist schon so lange her
seit der hunger im bauch dieser stadt
gelebt hat,
dass die menschen es vergessen haben,
was leiden wirklich bedeutet
und suchen jeden tag
nach etwas anderem
um nichts zu finden
denn der bauch ist voll
aber das leben ist leer.

die einwohner dieser stadt
interessieren sich für kunst,
die umwelt,
exotisches essen,
wandern in den bergen,
sie sehen oft filme
über kinderarbeit
sie unterhalten sich
über den krieg in afghanistan –
solche gespräche, filme und debatten
finden in luxuriösen wohnungen statt,
während die anderen da draussen bleiben.
weg.
fern.
ausser gefahr.
nur in postkarte und urlaubsfotos besprechbar.
es gibt ja einen unterschied
zwischen information
und bewussstein,
beim bewusstsein geht es meistens
darum,
nach drinnen zu sehen.

kleinigkeiten, co-edición da autora e o Concello de Múnic prevista en 2013

Vídeo, son, imaxes, +:
A autora no “YouTube”

Compositoras actuais
Lectura dun poema
Premio Dora Vázquez 2012
Charla con Salma

2 opinións sobre “María Reimóndez Meilán

Os comentarios están pechados.