Fátima Rodríguez

fatimarodriguez

Nomeada por:
Xavier Queipo

Nomea a:
Marga Romero

Bio-bibliografía:
Nacín en Pontedeume no ano 1961, no seo dunha familia galego-cubana. Levo trinta anos vivindo en Francia, viaxando tamén polo mundo como parte da miña condición vital de nómade. Fago e transmito literatura dende unha cátedra universitaria, pero tamén dende a creación e a traducción. Non diferencio a literatura crítica ou teórica da lírica máis ensimismada polo seu grau de creatividade, e oficio na poética creativa e na creación poética sen xerarquías nin prexuicios elitistas nin auto-complacencia. Nas dúas tento adoptar unha actitude interrogante.

Desconfío do sentimento de pertenza, pero sei que esiste. A lingua galega é o único vestixio que me queda del. Nunca deixei de escribir sobre Galicia, se cadra por lealtade ou por desafío a esa desconfianza.

Publicáronme as dúas primeiras escolmas en México, Amencida dos corpos/Amanecida de los cuerpos (Praxis, México D.F., 2000, traducido por Jorge Ledo) e Límite de propiedade, que logo fora verquido ao español pola poeta Gloria Vergara (Límite de propiedad, Madrid, Torremozas, 2006). Xa máis tarde viría Oblivionalia, traducida ao francés por Vincent Ozanam (Brest, Les Hauts-Fonds, 2011). En francés verá a luz quince anos despois da súa primeira  publicación unha versión bilingüe daquela Amencida dos corpos, agora xa feita  Aube des corps, tamén traducida hai anos por Ozanam.

Outros poemas viven espallados en revistas por Francia, España, México, Arxentina, Paraguay, Taiwann, Austria, quen sabe onde máis. Viven daquela maneira, ao xeito do que nós mesmos somos, fillas e fillos dun pobo itinerante.

Na rede:
A autora na “Wikipedia”
A autora na “Universidade de Brest”
O “facebook” da autora

Poemas:

SECUENCIA 3

o taboleiro é agora unha marana
e nós o rolo encorado no cadro
o cadro é unha illa
a illa dos mecos e dos maus de voalla
a illa que che nos foi golsar todos os loitos
na beiramar
do mar
da mar matriz
do matricidio
a illa dos ramalletes de loureiro pendurando das portas
a illa neniña que mexa por ela tanto lle teme ao mestre
a illa que che nos punzou o refolgo coma un enfisema a illa
ramificada noutras illas alveolada
no tramallo de veas a bombear teimosas
nunha memoria mesta verdella
zumarenta de algas esmagadas
a memoria
está
a
perde
lo
pulso

 

 

SECUENCIA 4

agora andamos presos nun deserto de celas
presos nunha retícula de greda seca
arelamos ser lama máis ca lama
enlagar o trazado do xogo
do debuxo que che nos deixou ben cuarteada a memoria
xa non é de marana, que é de mariola
porque andamos de volta
pequenos
encolleitos
xuntiños como ratos
escapando
da carreira estacional das constelacións

 

 

SECUENCIA 5

seica vai irisar o sol os raís da ponte
que promete esvarar pola costa de cera
un laranxa estridente artificioso
unha violenta rachadura para os ollos neste pontón de sombras de salitre
e rúas de peixes asollados
para cobiza dos cativiños que noutrora mudaran en raposos en gatos en gaivotas
naqueles tempos
cando só ousaban falar os animais
unha racha nítida encegadora
no medio da paisaxe
tan conforme tan conforme que non estoura nada
nada
nada
de
nada
nin sequera
unha mísera lisca de balastro
todo inmóbil
manso
gris
cincento
xa desbaldíramos un mundo de luz
todo encarreirado a non sei onde
encarrilado e domeado todo
todo cuberto por unhas mallas sen peso
todo envolto nun bafo de eucalipto;
“Nove secuencias do xogo da Mariola”, Oblivionalia, Brest, Les Hauts-Fonds, 2011.

Galería:
Fátima Rodríguez 01