Serxio Iglesias

SERXIO_IGLESIAS_1

Nomeado por:

Miguel Ángel Alonso Diz

Nomea a:
Xabier Cordal
Miguel Mato
Isaac Xubín

Bio-bibliografía:

Serxio Iglesias nace en Bos Aires en 1966. Estuda Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Santiago. Foi membro do irreverente colectivo Ronseltz (Unicornio de cenouras que cabalgas os sábados, Ed. Positivas, 1994) e posteriormente do Batallón Literario da Costa da Morte. Publicou a obra poética Métodos para afogar un cisne (Ed. Positivas, 2002). Gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón no ano 2012 coa obra Viaxe ao interior da fenda (Ed. Sotelo Blanco). É colaborador habitual do xornal dixital Que pasa na costa. Na actualidade vive en Corcubión e é profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Fernando Blanco de Cee.

Poética:

A un narrador nunca se lle pide que redefina o xénero.
O panadeiro amasa (fariña, auga, lévedo e sal) e fai o pan.
As autopoéticas son cursis e van preñadas de engolamento estéril.
O poema é porque é en si.
E de cando en vez sae do forno poema de pantrigo.

Na rede:

Caderno do autor
O autor na “Galipedia”
O autor en “BVG”
O autor en “Que pasa na costa”
O “facebook” do autor
O “Twitter” do autor

Poemas:

a agonía veu nun sinal
feito coa boca
coas pálpebras e coas letras
dun sobre de sopa
soaba a setenta e tantos
e a estrada era longa e sen paxaros
falabamos de xogos de cartas
e voltar á casa
o hotel tiña frío de sobre de sopa
e letras de neon de cando en vez
lémbrote no espello do bolso
empoando o nariz
e facendo un sinal coa boca
e coas pálpebras
chamando por todos eles

morremos de amañecida
na porta dese hotel
a avenida pechada e a boca
como sopa fría
e ganas de irse

[de Métodos para afogar un cisne (Ed. Positivas)]

cómpre falarmos pouco
con toda esta morte por diante
e o sangue que esculpe
no pálido das meixelas
ocos efémeros
e pausas e ruído
hai por haber un arcanxo
travestido de madonna
e góticos cópula cantos
na semente perdida
cómpre falarmos pouco
con tanta memoria por diante

no medo
cartafoles de gris
e sexo extremo

[de Métodos para afogar un cisne (Ed. Positivas)]

participa do noso fracaso
a acubíllate hipodérmico
pola alma toda
fálalle ao alento
do encanto da boca espesa
do peso dos brazos
dun cisne que afogamos
con orballo de limón
principio a principio
a lume lento

como un segredo ao mundo
míntelle do que ves

os ollos
nos zapatos
orgullo

[de Métodos para afogar un cisne (Ed. Positivas)]

se a imaxe fose dende arriba coma no ceo-sobre-berlín
veriamos o neno e o seu asombro
a dor tronzada
a cara de neno fráxil
a cara mollada de terra
e pouca luz
na imaxe dende arriba sabémonos apenas ecos do que somos
retratos bizantinos mosaicos vellos cadernos manchados de píntegas e saloucos incomprendidos]
non hai estación central que nos leve á casa
non hai un silencio que nos acolla
non hai cores dende arriba
todo vén sendo un precipicio mareante de orfas infancias infinitos horizontes herbas molladas]
xa dixemos
un caderno manchado de píntegas que quixo ser a ilusión nos ollos tristes do neno]
vagas suposicións do futuro hipotético que nunca habería de ser

tal vez ao neno non lle foran confiados os segredos ancestrais salmos da especie inequívoco rumbo alumeado no seu paso polo tempo]
o neno era neno
e as vereas abertas no seu camiñar pequeno
morrían na espesura ao pouco de empezar
andar e desandar
o túnel ao final da luz

[de viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco)]

a casa ten aínda unha vella radio
desas que aínda emiten pétalos de ira
e a radio amansa as pólas que entran
pola fiestra que non hai
a porta que non ten abriu a casa tantas veces
cantas veces abre unha porta?
en fin      que é unha porta?
as pedras debuxan as paredes que foron
o teito que non hai
verdío que debuxa as pedras que debuxan paredes
dunha casa
unha trabe mollada no chan
conta a historia da muller última
que acendeu o lume
que remexía o pote
que despedía fillos
que recibía cartas
que morría tantas veces
como abría a porta no inverno

a casa é agora unha muller que non está
unha figueira esgrevia que vive dentro
laios que ninguén recolle carraxe que xa pasou
unha radio vella que emite pétalos de ira
no silencio da tarde

[de viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco)]

en avellaneda aos noventa anos
ela vivía de fames de migallas de pan branco
balbucía cousieiro vilastose muxía
e tiña o televisor aceso e a luz apagada
a fiestra espida enfocaba un exército
de buscadores de cartón restos de comida
era un exército de soldados bolivianos en avellaneda
aos noventa anos sentada no vello sofá
daquel departamento de cascudas
a vergoña chamou á porta e quedou na casa
sentada ao carón dela para sempre
dentro do placar a vergoña
no freezer baleiro a vergoña
na alcancía a vergoña

ah pero nos cincuenta e pico
a cidade era un frasco de dulce-de-leche
ela bailaba no abc de corcubión
e era verán en mar-del-plata
e eran fotos arredor dunha mesa en branco e negro
e cinzano con fernet e soda
e tango
e chiquilines que xogaban no patio emparrado

e o agoiro do trebón deitou un sorriso diabólico
e foi que a vergoña timbrou entón e para sempre

na negrura de avellaneda o exército do cartón avanza
derrúbanse as tanquetas do tacho do lixo
e comeza a invasión da carne podre
da froita magoada

escuadróns da miseria
exército de soldados altiplanos

[de viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco)]