Begoña Regueiro Salgado

BegoñaRegueiro

Nomeada por:
Rafa Yáñez
Manuel Pereira Valcárcel

Nomea a:
Luz Pichel
Ana Cibeira
Xurxo Nóvoa Martíns

Bio-bibliografía:
Teño a raíz fronte as ondas, alá na Costa da Morte, pero, por cousas da fortuna, nacín en Madrid en 1981. Son doutora en Literatura española pola Universidade Complutense de Madrid e alí  traballo como profesora de Literatura e investigadora. Vivo entre libros e verbas, entre os séculos XIX, XX e XXI, entre Madrid e Galicia. Son unha desas que se vén chamando madrigalegas, aprendiz de Frías, Araguas e Pereira no Grupo Bilbao de Poesía de expresión galega en Madrid. Publiquei dous libros de poesía en castelán (Alma soñada (2009) e Diosas de barro (2012) e participei en varias antoloxías de poesía e microcontos  do Grupo Bilbao (Marés nos pousos de café. Mostra de poetas de expresión galega en Madrid (2010), E Madrid foi unha praia de baleas entre néboas (2011), Bilbao (2012), Hipnotopía en doses pequenas (2013) e Filografías (2013). Dirixo, dende 2000, a revista de creación literaria “Otras Palabras” e, xunta dos outros membros dela, organizo faladoiros e recitais para daren vida aos poemas (e que eles me dean vida a min).

Poética:
Para min, a poesía é a única forma de vivir. É o espazo onde estar segura, o lugar no que me refuxiar cando as cousas vén do revés, e no que gardar os momentos fermosos para non esquecelos. É o instante  para parar, para reflectir sobre a vida e axustar contas con ela. É o xeito de gañar a batalla ao tempo e á morte.

Na rede:
Web da autora
Caderno da autora
Perfil en “Soypoeta.com”
Perfil en “Escritores Complutenses 2.0”
Perfil en “Poetas Siglo XXI. Antología de Poesía”
Perfil en “Red Mundial de Escritores en Español, REMES”
Poemas en “La décima musa”
O “facebook” da autora
O “Twitter” da autora
Entrevista en “Solidaridad Digital”

Poemas:

Seguen amoreados
nos estantes brancos
da habitación
na que dormen as miñas bonecas.
Quizais, coma min,
seguen a espera de atopar
o lugar exacto.
(En Bilbao, 2012)

 

 

Esta vez non quero que me salves.
Non quero que a túa suavidade me anestesie e oculte a dor,
Non quero que os teus beizos pechen as miñas pálpebras á certeza do absurdo.

Esta vez,
non  quero terte como escusa.
(En Bilbao, 2012)

 

 

 

Que me morda o estómago
e converta en pedra
o músculos que manteñen
a miña cabeza ergueita;
pero que o medo
non me impida bicarte.
(En Bilbao, 2012)

 

 

 

Adicións

Hoxe non son poeta.
Os homes grises cernaron os cristais dos meus ollos
e os reloxos aceleraron o troupeleo constante das picañas.
Hoxe só sumamos un día máis.
+
(En Marés nos pousos do café. Mostra de poetas de expresión galega en Madrid, 2010)

 

 

 

É a mesma rutina
con diferente nome.
As mesmas feridas
cicatrizando con outros contornos.

A mesma realidade
tras a máscara enganosa da esperanza.
(En Marés nos pousos do café. Mostra de poetas de expresión galega en Madrid, 2010)

 

 

Todos precisamos dunha patria á que regresar
cando a vida pesa demasiado.

Un espazo propio, íntimo,
onde cada recuncho nos coñeza, e garde
algún refugallo dos soños esquecidos.

Hai unha praia branca,
no norte,
á que vai o vento a descansar.

Hai unha duna suave,
no oeste,
onde as buguinas dormen
e as estrelas de mar se espreguizan.

Cando descubras que rompeu a miña alma,
que xa non puiden máis,
búscame alí, entre as areas.
No resplandor fugaz dalgunha cuncha
deixareiche o recordo dos meus ollos.
Para que sempre me sintas ao teu lado.
Para que nunca te asolague a soidade.
(En Marés nos pousos do café. Mostra de poetas de expresión galega en Madrid, 2010)

 

 

 

Crebas
Música de acordeóns acompasando o baile das ondas
pedazos de vidro mudados en chispas de sol e salitre
bonecas rotas feitas heroínas
anacos de madeira coa forma dun soño.
Ás veces, gustaríame saber o que o mar podería facer comigo.
(Filografías, 2013)

 

 

 

É o mesmo nó atenzando o estómago,
o mesmo sabor a ferro na gorxa,
son as mesmas pedras zumegantes de bágoas
e as mesmas badaladas que tocan a morto.
(Filografías, 2013)

 

 

 

Preces

I
Que os meus dedos de tinta
debuxen ronseis nos teus beizos.

II
Que a dozura das túas verbas me agarime
cando a escuridade sexa infinita.

III

Que o baleiro conxele os sonos
para que podan cicatrizar na memoria.
(Inédito)

Vídeo, son, imaxes, +:

A autora no “YouTube”
Presentación de “Diosas de barro 1”

Presentación de “Diosas de barro 2”

Presentación de “Alma soñada”

Día das Letras Galegas 2010

Presentación de Bilbao

Presentación de “Hipnotopía en doses pequenas”

Unha opinión sobre “Begoña Regueiro Salgado

  1. Siempre es una magnífica noticia encontrar una voz poética tan vailosa como la tuya en experiencias blogueras de este tipo. Un cariñoso abrazo,
    Francisco

Os comentarios están pechados.