Xoán Carlos Domínguez Alberte

Foto de Xoan Carlos Dominguez Alberte

Nomeado por:
As Escollas Electivas

Nomea a:
Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé María Álvarez Cáccamo
Baldo Ramos
Miro Villar
Pilar Pallarés Olga Novo
Víctor Campio
Manuel Vilanova
Anxo Angueira

Bio-bibliografía:

Xoán Carlos Domínguez Alberte é orixinario de Escudeiros-Ramirás (1966). Licenciado en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galega, é profesor de Lingua e Literatura Galegas no ensino público. Dentro do ámbito poético deu ao prelo os títulos Material de outono (2000), As horas luminosas (2005), Incivil (2009), Materia infinita (2011). Noutros xéneros escribiu Roberto Blanco Torres e a loita pola supremacía ética (1999) –ensaio–, A natureza no reino da escuridade (2003) –teatro–.

Da súa responsabilidade son as antoloxías poéticas Mulher a facer vento (1998),  son de poesía (2005), do mesmo xeito que as publicacións colectivas Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo (2006), Voz da terra, arela de pobo (2009), En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova reclama o uso público do mosteiro (2010). Tradutor, autor de materiais para o ensino, ao seu labor débense asemade as edicións dos volumes O ano da memoria na escola (2006), Actas do I (II, III e IV) Congreso Manuel Luís Acuña (2001, 2005, 2008, 2012).

Na rede:

O autor na “Galipedia”
O autor na “AELG”
O autor en “Galegos”
O autor no “Sermos Galiza”
O autor no “Caderno da crítica”
Son de poesía (selección de autores e edición de Xoán C. Domínguez Alberte)

Poemas:

“Remate dun poema para Raymond Carver”
Mandáranos levar á clase
un texto de LP.

Coincidiron buscándoo na biblioteca municipal.

A alegría cruzoulles a ollada
ao escolleren a mesma letra
para a súa composición.

No amor, como na guerra,
nunca oímos o tiro que nos alcanza.

En Vento Lois (AELG, 2011)

“Lingua proletaria”
Empezou a morder con degoiro
cando aínda non tiña dentes
a codela da bica do testo.

A avoa era quen amasaba a fariña
milla na artesa cantaba e contaba
denantes de levedar o pan.

Na súa casa nunca quixeran renunciar ao sabor
do esforzo de cada xeira
na roda vagarosa das colleitas.

As entrañas fecundantes da terra
estercada íanse fendendo en sucos
co arado de vertedeira
á hora de vesar
no tempo da sementeira. As miocas
colaboraban coa súa parte no labor
e eran as lavandeiras na arada
as que aínda seguían a facer compaña
ao desfacer coa suavidade da grade
os terróns que xa resgardaban nas súas entrañas
a entrega dos grans da mellor semente
collida da escolla da tulla da anterior colleita.

Á luz das raiolas que entre o canto dos paxaros
aventan o verán era a hora
primeiro de sachar e logo de rendar e entrecoller
ao mesmo tempo que se ía pondo día
para facer os regos, limpar as pozas e riscar as tallas
porque chega xa o tempo da rega.

O reloxo do peto das ánimas
é o que marca o ritmo da vida
ao son da hora solar.
Coa tanda unhas veces tocaba regar aos catro
outras aos seis ou aos dez…

Entre os pendóns floridos
que cumpría empezar a apañar
había que chapelear na levada
para calcar o rego ou cambiar de talla
xa fose á luz do carburo na madrugada
á calor sofocante da hora da sesta
cando caían as aves do ceo
ou á noitiña ao toque da oración.

En chegando a hora de apañar a colleita
crebábanse as mazarocas e xa no alpende
era o intre de esfollar e ver como medraban
dunha beira unha morea de espigas brancas
entre as que sobresaía o vermello das raíñas
e doutra un leito mol de folellos e barbaña.

Na herdade entre a muruxa
como restos do fecundo milleiral ficaban
os píos de palla que aínda se habían carrexar
para o palleiro para que servisen de mantenza
do gando xa pasado o verán.

A terra quedaba erma a barbeito
e o remate do ciclo da colleita
érano as lerias da esfolla
xa nas noites que ían quedando frías
antes de encanastrar.
Máis adiante levábase a meilada
ao muíño á beira do río.
Ao agarimo mozo da noite
entre o moer das maquías
foi alí unha noite de treboada
cando se coñeceran os pais.

De volta na quentura garimosa do lar
era sempre a avoa quen amasaba
a fariña milla e cantaba e contaba
denantes de levedar o pan.

En Materia infinita (Follas Novas Edicións, 2011)

“Pelotón”
Gustáballe apuntar
aos ollos.

Un ao dereito,
outro ao revés.

O estrondo da pólvora
producido polo dedo
que non dubida
e o proxéctil
de chumbo
e impotencia
sae disparado
á vista
do inimigo
de paseo
na madrugada.

Sempre foi voluntario.

Nunca deu atinado
nos dous de vez.

Caían abatidos
coma moscas,
á primeira,
sen tiro de graza
de remate.

O sangue
á vista
encarnado
esvarando
na mañá
cega
de ollar limpo.

Xogo ruín.

En Incivil (Toxosoutos, 2009)

“Poema innecesario”

Na folla introdutoria d’As horas luminosas apúntanse varias manchas ou sombras que, dende o negativo da imaxe, escurecen os seus poemas. Entre os escenarios deste libro de versos están os Açores, a costa galega e o Bagdad ensoñado das mil e unha noites. Dende o verán de 2002 —data de elaboración do poemario— ata o presente creouse unha realidade de flores secas, de cristais rotos.

Hai homes e mulleres, novos e vellos
inocentes,
innecesarios,
que as mans escuras do capital
sen fronteiras
están a matar continuamente.

En Irak esfarangúllanse
unha a unha,
as casas, as palabras,
mil e unha noites
interminables,
insoportables,
e quedan días de fame violentos
en corpos mutilados,
palabras viscerais
que sangran odio
no límite da civilización.

Contra a barbarie As horas luminosas quere sacudir unha grande onda, de afecto, sen límites. Propoñemos o amor, desbordante, que sobrepasa o sexo, como unha onda… Defendemos a palabra, fecunda, a realidade e o desexo, desbordante.

Contra a guerra,
contra as mentiras,
por un mar vivo, pola dignidade,
eu creo nun país onde o mundo se chama Celanova,
e digo Curros, Ferrín, Celso Emilio, Avilés de Taramancos…
o mar…
contra a guerra
sempre é mellor ler os poetas
e digo tantos homes e mulleres
que loitan a diario por vivir en paz
coa suor do amor na terra.

Por todos eles estas palabras en prosa deste “poema innecesario”. Para eles As horas luminosas faise esixencia dun mar limpo, para a vida, para os soños.

Texto inédito, composto e lido na presentación d’As horas luminosas (Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2005)

Patrimonial

Encarnación nunca soubo ler
nin tan sequera escribir
o gharrancho anónimo do seu nome
no que deron en chamar
documento nacional de identidade.

Mais o bo pulso aínda aos noventa
e tantos mantiña vivo o lume
do saber da tradición que choutaba en lapas
con faíscas dun a outro recanto
da memoria.

As brasas brillantes das palabras vellas
eran engulidas con ansia
de cativo ás migallas
por quen si podía aprender
a ler e a escribir.

Xa hai moitos moitos… anos
que as laxes da lareira do lume vital
con nome de pobo
da tía Encarnación
arrefeceron para sempre
no voo lixeiro da borralla.

Mais fican incontábeis pegadas
da auténtica nación
da súa historia anónima
con nome
con historia de pobo
con nome
con pobo con historia.

O guizo deslumbrante das voces
máis familiares avivan o lume
encarnado en cativos
gharranchos de quen aprende con ansia
a ler e a escribir
a auténtica reencarnación
das nosas palabras contra a desmemoria.

Poemas para Roxelio Otero Espasandín

“A boa escola”

Xosé Otero Espasandín foi mestre en 1923 no Pósito de Pescadores de Ribeira. En plena guerra incivil, na revista antifascista Nova Galiza, en Barcelona, en xaneiro de 1938, iniciaba así un artigo titulado “As promesas galegas: a nosa escola”: “Cando penso no que pra mín puido sel-a escola e non foi, nas forzas e arelas da miña neñeza que puido guiar e despertar, doume conta do que unha boa escola sinifica pra o adianto dos povos, pra a felicidade dos homes.”

O seu pensamento cobra máxima actualidade nesta época de descarrilamento dos servizos públicos por parte da centralizadora ideoloxía neoliberal instalada no poder.

Quería deixarlles escrito un Alfabeto
en verso co saber das propias palabras
mais os seus alumnos
xa non puideron ter máis instrución.

Nos ollos en vela dos mozos de  ribeira
batuxaba a forza bravía do mar
ao abrir cada mañá
a escola de pescadores.

A boca fresca do mestre devalaba
o sabor exacto das palabras
con acento enxebre e ollar verde de castro
nun rianxo zumegante de termos
con frescura limpa de mar:
sarda, maraghota, surel, sardiña,
polbo, rabalisa, ameisa, llapra,
ouriso, sapo, caramuso, linqueirón

Ás casas dos pescadores de ribeira
a fartura só había vir boureando
nunha gamela calculada de conceptos
sen máis fe que a ciencia exacta
do trafego diario do rumbo con vela seguro.

Quixo deixarlles escrito un Alfabeto
en verso co saber das propias palabras
mais aqueles mozos pronto tiveron que cambiar
ao paso firme da instrución.

O Alcouce, 28 de xullo de 2013

 

“Misión Pedagóxica”

Para a memoria de Xosé Otero Espasandín, que formou parte desta iniciativa cultural republicana, quen mesmo dirixiu unha Misión, en 1935, na contorna do monte Pindo.

En Escudeiros algúns vellos
dicían que a biblioteca se puidera esconder
na mina do Portal da Veigha.

Eran mineiros e como sabían ler
o porvir nas ringleiras máis fondas
da terra resgardaron en espazo segredo
algunhas das palabras máis fermosas:
harmonía
compromiso
solidariedade
comunal
insubmisión

Chamábanos comunistas e sabían ler
as liñas do porvir nos sucos fondos da terra.

No val de Ramirás
as Misións Pedagóxicas baixaron o pano
cun disparo definitivo
empezou a traxedia
a mediados do 36.

En Escudeiros seguiu habendo
galerías subterráneas de intelixencia
ocultas para os que non sabían ler
nas veas fondas da terra.

Chamábannos comunistas
e dende a negrura fonda
dos tempos aluman co facho
das palabras máis fermosas
a derradeira e auténtica
misión pedagóxica
do portal do horizonte
da civilización.

 

“Historias de Xosé”
El e mais o meu avó
levaban o mesmo nome
e naceran a comezos de século
1900 e 1901.

Ambos compartían semellantes ideas
e arelaban comúns ideais:
liberdade, paz, prosperidade, progreso,
renacemento da nación.

Un mobilizouse na trincheira leal
da República.
O outro sempre se desmobilizou
a favor da barbarie.

En 1935 levaron a Misión Pedagóxica
ao monte Pindo.
A mediados do 36
as entrañas fecundas das minas de Escudeiros
coma o segredo mellor gardado
agacharon a biblioteca da derradeira misión
no val de Ramirás.

 

A xeración dos netos
como fan en Verbo Xido
persoas como Dionisio Pereira
deben descubrir agora as verdades
máis agachadas daqueles tempos.

Historias de homes e mulleres.
Do tempo de Xosé.

—O mestre Otero Espasandín (1900-1987).
—O tratante Alberte Vázquez (1901-1984).

Á plena luz da liberdade
que lles impediron gozar
con plenitude
e que a vida os obrigou
no exilio e na represión do silencio

a botar terra por medio.

Castro Domedio, 27 de xullo de 2013

Galería:

Rúa do Vilar (Santiago de Compostela). Autor: Baldo Ramos

Rúa do Vilar (Santiago de Compostela).
Autor: Baldo Ramos

Son e vídeo do autor: O autor no YouTube