Xosé Daniel Costas

Ñ

Nomeado por:

Xosé M. Millán Otero
Rosa Enríquez
Alfonso Láuzara Martínez

Nomea a:

Ledicia Costas
Lucía Novas
María do Cebreiro
Anxo Angueira
Isaac Xubín
Xabier Xil Xardón
Elías Portela. (Elías Knör)

Bio-bibliografía:

Moaña. (1981). Membro fundador da Asociación Cultural Lonxa Literaria de Moaña. A partir do ano 2008 os meus poemarios comezaron a dar froito en diferentes certames e premios, iso fixo que me centrara un pouco máis no traballo e no esforzo da escritura. Teño publicado obras colectivas con motivo de diferentes premios, Mención de Honra no Premio de Poesía GZCREA 2008  coa obra Revoluciona(me), Primeiro Premio de Poesía do Premio de Poesía, Relato Curto e Traducción da Universidade de Vigo do ano 2010 e 2011 coas obras Marés de Xiz e Dime de ti.  Asemade publiquei en diferentes proxectos colectivos, Maregrafías, Pegadas, e Urbano. Homenaxe a Urbano Lugrís.

No ano 2009 gaño o XXII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón co libro conservas, editado por Sotelo Blanco no ano 2010. En 2011 o X Premio de Poesía Novacaixagalicia.co libro monicreques. Libro que sairá publicado no ano 2012 editado polo PEN Club de Galicia e Novacaixagalicia.

En 2012 publiquei Infancia de vacas mortas, na editorial Barbantesa.

Poética:

Sempre estiven dándolle voltas ao motivo polo cal me puxen a artellar escritos en linguaxe poética, seguro que a miña cabeza de reconversión naval, o cheiro a salitre do mar de Moaña en pleno acéano Atlántico, as sereas das fábricas de conserva, en fin toda a materia ancestral que mamei da historia a través da memoria dos meus. Pero sobre todo a necesidade de contar as cousas que me rodean e as que andan pola miña cabeza de peixe sapo. Escribir e que che digan que o fas ben, fai crecer en ti un xerme onde os poemas van collendo forma. Descubrir unha mañá de sábado nun poema-elexía do libro Este é o tempo do Sal de Xosé Manuel Millán Otero a revelación de que hai cousas que tan só se poden explicar coa poesía.

Poemas:

son muller e sangro

do libro conservas (Sotelo Blanco)

 
A miña fronte reflectiu a fouce da vendima,
as miñas pernas abanean coma a prensa que descubría viñas nas miñas coxas
cando miña nai mercaba liño no cabodano do meu primeiro amencer de muller.
Hai homes que non comprenden o interior da buguina,
as fermosas formas do meu corpo.
Paréceme que se ao neno aquel lle pedira amar;
falaría de min como dunha alma atormentada, ferida.
 
Unha muller coma min que son,
que sangro polas pernas,
que bebo o medo da miña semente,
non podo nacer entre brazos inmensos.
Son muller de beizos rotos e grandes,
perturbo ao meu amante con fume de folla e pedra.
Son muller de beizos rotos e secos
e busco auga
de amantes novos
ou de amigos,
ou auga que pasara antes polos meus beizos.
 
Mando mensaxes inocuas,
eu ben sei que el anda polas rúas
como quen vive en soidade na cidade.
Eu escribo sílabas contundentes na forma errática das pedras.
Eu aprendín que me gusta saber que o Atlántico estará pendente de min.
Eu son muller e sangro,
pertenzo a un espazo non compartido
pertenzo a unha casa branca con motores e agullas e fentos.
Son muller e dobro a espiña,
son espiña e dobro a man contra as pedras
e arranxo pedras circundantes,
emigro ao latexo de paredes inocuas,
álxebra diametral.
A miña nai era mariscadora a pé,
traballaba na fábrica
onde limpaban as maghas do peixe con auga de mar
e pintaban cada verán as paredes
e cada setembro todo aquilo era branco.
 
Son muller nas antípodas do ventre e fermento disciplinario
e semente novamente irreal,
semente licuada no té da tarde.
Compliqueime.
Eu ben sei que ti me esperas
muller de fondo ao final da obra.
Estou segura de que a miña nai coa auga até a cintura
sangrou na praia
e eu como filla dela que son
sangrei e sangro coa auga á cintura
e o frío ascendendo pola espiña.
Os meus peitos son de mel e sal.

retratos.

do libro Infancia de vacas Mortas (Barbantesa)

retrato de nai con nenos colgados
o terceiro espera.
aléitanse de seos espremidos
tal vez teño auga
o leite quedou nos pulmóns
inundados
a contra corrente.

retrato de nai de ollos de febre
sustentas na base do colo con histeria.
retrato de fillo sen sospeita
ocasionalmente
come e berra
a disentería e a cólera.

retrato de neno negro entre sabas brancas.
o resto é dor
bagoas que sospeitan
da morte inmediata.

retrato de nena espida en Kim Phuc
querendo despegar e fuxir
para sempre.
pésalle a pel queimada
e as ás fóronlle caendo polo camiño.

retrato Caxemira con nenos de fondo.
nenos de area e ollos de lúa chea
advertindo ao seu redor
a guerra no sangue.

retrato de neno africano infectado de SIDA
coa maré toda do mundo nos seus ollos
e rompentes de bágoas
en Sahel.
 
retrato inmediato.
benaventurados os que teñen fame
e sede de xustiza porque eles serán saciados.
neno sen fame con revólver na man.
 
ela era el.

(Le petit canteiro. Accésit 2009 Premios de Poesía Relato curto e Tradución da Universidade de Vigo)

aquel era o batallón
numerado con atrancos nas cadeiras
e con amarras nun tempo
de ciencia e superstición
aquel era o batallón de mulleres de Petrogrado

el era un xogador de balonmán
que acariciaba con dozura as meixelas

ela unha administrativa
con corazón permanente de fedayin de nós

eu hoxe son Yasir Arafat e ti es a miña intifada

ela a muller que vai impoñer a moda
con agarimos de broches
e metais sen medo

el o que agarra brasas coa man
sen importar que temporal brugal veña
(crenza) con agarimo e confianza na conversa

eu hoxe son Woodstock e ti a heroína de Janis Joplin

ela unha guerrilleira zapatista
que enche vasos entre sorrisos de metal
e golpes con tal de saberse viva

el alto
de perfil un suspiro
trazador de liñas incompletas
el ansía facer unha terraza
dentro da  bolera  que máis nos une

eu hoxe son Celsius por observarte trescentas dezaseis veces e poñelo por escrito

a ela débolle a inspiración
en días de frío
e todos estabamos alí buscando
o seu abrazo e o seu primeiro día sen ataduras
 

(Dime de ti. Primeiro Premio 2011 Premios de Poesía Relato curto e Tradución da Universidade de Vigo)

 
Sabela. de ser princesa sería filla de raíña
e neta de traballadora de batea
de ser raíña sería cabeza
de coroa e man de anel.

de ser xoia as cores do mundo chamarían polos ollos
para
espirse.
 
ela. é a pequena historia
dunha nena que sempre está a rir.
 
ela. é cinco anos                 tres curmáns
e a miúdo dormen xuntos.

encántalle bailar e vestirse
con roupa nova                        ponse tesa
e non permite que se lle enrugue.

ela. berra.
quere dicirlle aos demais que está alí.
enfádase cando non consegue o que quere.

ela. cando non a miran
tira con todo o que atopa por diante. ela. é
a máis normal das nenas que coñezo
a que mira con ollos máis abertos
a que me di as cousas sen necesidade de dicir nada.

ela. non fala. cústalle coller as cousas coas mans
ten o corpo ríxido               ela. sempre está a rir.

de ser animal sería unha bolboreta prematura. digo sen ser nada máis
que bolboreta. de ser maior sería modelo
de roupa intelixente.

Son e vídeo do autor: