Andrea Nunes Brións

bo dia!!

Nomeada por:
Rosa Enríquez
Celia Parra

Nomea a:
Sechu Sende
María Rosendo
Ana Romaní
Gonzalo Hermo
Xiana Arias
Lucía Aldao
Samuel L. París
O Leo
Olga Novo
María do Cebreiro

Bio-bibliografía:

Andrea Nunes Brións naceu en Marín baixo un frorecente manto de escamas. Trasladouse a Compostela fuxindo dos verquidos tóxicos de Ence. Alí entrou en contacto con diferentes persoas que acreditan nun mundo fóra do patriarcado capitalista. Nos seus momentos libres cursou a carreira de Filoloxía e un Máster cun nome moi longo.
Agora mentres busca traballo ben remunerado, escribe poemas e fai vídeos coas Candongas do Quirombo. A súa última obra é o poemario “Todas as mulleres que fun”, previamente sacou o poemario “Corrente do esquecemento” (Aturuxo, 2007) Colaborou en diferentes publicacións galegas como Dorna, Nova Ólisbos, Andaina, Revista Galega de Teatro, AulaFoto ou Tempos Novos.

Poética:
Todo comezou lendo as agachadas, un poema, iso que ardía, un nome, a mente ferida e o corpo atónito. A revolución é ese verso, espirse ou sair a rúa a berrar.

Na rede:
As Candongas do Quirombo
A autora na Galipedia

Poemas:
Serie do Tear 
(Poemas creados para a escolma de “Olladas sobre o Museo, a Poesia” para o Mueseo do Pobo Galego)

Era daquela, noutrora,
que faciamos unha potaxe de vixilia
sempre venres

e a avoa facíalle as rendas ao mantel
ou a enagua ou as camisas
e aprendeunos a facerlle a renda
aos alzadeiros
(cando a cociña aínda estaba núa)

A tardiña,
ti fiabas ca lá
co algodón
co liño
ou coa estopa
e iamos de recolleita
e sacabamos as fibras
e lavabamos a lá

mentres as mulleres todas
asubiabamos a Internacional.

2
Xuntabamonos así,
como cando non había pegamento
e xuntabas as pividas do marmelo co carozo
mollándoo na auga, e todo o pegaba.

Eramos irrompibles.

Nos tempos máis duros, xuntabamonos así,
como unsando o engrudo,
ca fariña no lume facías unha pasta
que quedaba con grumos pero todo o pegaba…

Non iamos nada a tenda,
xuntabamonos así,
como remedios naturais.

3
Despois de lavar a lá,
sacabas os fios,
unías as fibras e
mentres co pé, como as oleiras,
xirabas a roca para facer o novelo.

Os fios en vertical,
e cunha agulla íass facendo a malla.

Agora xa non,
usan micromallas,
chámanlle nailon.

Cortadas con laser,
as bragas,
non teñen costura.

4
A Umbelina Crespo (A Cautiva)

A miña “avoa vella” doíanlle
as mans de lavar nas rochas
de facer croché, calceta e bolillo.
ulcerábanlle as tripas en outono,
doíalle o amarelo.

Camiñaba durante horas (de Marín a Moaña)
collendo feixes de leña que logo vendía
por medio kilo de fariña no Outerelo.

O pasado era fregar o chan de xeonllos
e limpar, todas as noites, os zapatos
dos seus sete fillos.

Equilibrando ameazas
ou posibilidades.
Batendo cos desafíos.
O mercado era todo un acto público.

Os homes de branco
rapáronlle a cabeza
e déronlle a beber,
na praza do reloxo,
aceite de ricino

5
O poema sería
velas traballar na roca, novelando

Para trenzar un fío con outro,
ela botáballe cuspe.

Son e vídeo do autor:

Videopoema

Presentación: “Todas as mulleres que fun”

Unha opinión sobre “Andrea Nunes Brións

Os comentarios están pechados.