X. H. Rivadulla Corcón

X.-H.-Rivadulla-Corcón

Nomeado por:

Marta Dacosta

Nomea a:

Bernardino Graña
Xavier Seoane
Manuel Forcadela
Lino Braxe
Medos Romero
Francisco X. Fernández Naval
María Lado
Marta Dacosta
Alexandre Nerium
Xulio López Valcárcel

Bio-bibliografía:

X. H. Rivadulla Corcón (A Coruña, 1962) é poeta, narrador, dramaturgo e guionista. Traballa dirixindo e escribindo programas par TVG, especializado en formatos documentais. Traballou en radio, e neste eido destaca o programa que dirixiu e presentou na Radio Galega: A Casa do Vagabundo, dedicado ao mundo do libro galego. Preside o Foro de Asociacións de Guionistas do Audiovisual, no que se agrupan as asociacións de Esukadi, Cataluña Velencia e Galiza. É vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, con sede no concello de Muxía. Publicou a novela Do mar e a noite (2002); os poemarios Taberna á deriva (2002), O adeus do vello mariñeiro (2007), Camiño ao mar (2010) e Os papeis do vagabundo (201); as obras de literatura infantil e xuvenís O bebé máxico (2000), O elefante dunha soa orella (2004. Premio Frei Martín Sarmiento), ¿A que veñen as gaivotas a Compostela? (2006), O sorriso de Claudia (2007. Premio Frei Martín Sarmiento), Os piratas da illa da Esperanza (2008. Premio Frei Martín Sarmiento) e O noso amor será eterno (2011), A balada de Roi Nemiña (2012); as pezas teatrais ¡Furga Garabela! (2001) Salitre (2003) e Pan (2008). E foi incluido na antoloxía poetica De Pondal ao Batallón Literario.120 anos de poesía na Costa da Morte (2009).

Poética:

Podería decir que no único que creo é na poesía. Porque a poesía é para min o alicerce principal da miña vida. Coa poesía son quen de amar, de ser solidario cos homes e mulleres do meu tempo, comprometerme coa miña patria, construir lazos de amizade…

Logo cando escribo desexo comunicarme, rachar o muro de aillamento que ailla a cada home e muller inevitabelmente. Creo que o ser humano é un ser solitario por natureza, proque todos temos partes íntimas que non somos quen de transmitir por moito que o intentemos. Coa poesía busco teimosamente transmitir esa parte de min imposible de transmitir (ou posible a traves da poesía?)

Escribo moito sobre o mar por dúas razóns. Unha porque cando era un neno sentínme fascinado pola imaxe das mulleres de Muxías agardando na ribeira a chegada dos barcos cos seus homes a bordo. E tamén porque ao mirar ao mar sintoo como un misterio que reflicte o meu propio misterio interior.

Na rede:

O autor na “Galipedia”
O autor na “AELG”
O autor en “Galegos”
O autor en “BVG”
O autor no “Caderno da crítica”
O autor na “Axenda Cultural da AELG”
O autor no “AVG”

Poemas:

RESPIRANDOTE

Sen máis territorio
que o mar
e a taberna á deriva.

Sen máis compañía
que as gaivotas,
os mascatos e os corvos mariños.

Se máis amor
que a túa
fragancia.

Sempre neste océano,
Solitario,
Respirandote.

                                                  (De Taberna á deriva, 2002)

AVES MARIÑAS

Agora son parte de ti,
dun mar constante
e a súa historia non escrita.

Por fin sei
a que tribo
quero pertencer.

Ao pobo dos mariñeiros
que son máis aves mariñas
que homes sobre a terra.

                                                  (De Taberna á deriva, 2002)

MAR

Non deixes

de querer ao mar,

el non sabía do noso amor.

Apartoume

de ti por sempre

sen pretendelo.

Cando lle falei

de como nos amábamos,

abandonouse á tristeza.

                                                (De O adeus do vello mariñeiro, 2007)

 

MULLERES

Alzo a miña copa

polas mulleres

que agardan no peirao.

Polas que tecen unha vida

mentres os mariñeiros faenan no mar,

para eles, para os seus fillos.

Declaro que entre elas

síntome na casa,

porque elas son a patria do mar.

                                                    (De O adeus do vello mariñeiro, 2007)

Volver ao mar, á orixe,

a primeira e a derradeira casa

a que alberga as lembranzas,

a que é unha xanela aberta ao futuro,

a que está situada no tempo que non existe,

que é no pasado, no presente e no futuro.

A orixe e o final,

a que nos contén e nós contemos,

volver ao mar, volver a nós.

A visión do mar é incesante,

unha visión que non está fronte a nós,

que vemos mirándonos no espello.

Unha visión que non é unha imaxe,

que é unha pregunta:

que estamos agardando do mar?

Por que non podemos deixar de miralo

e escoitamos unha canción de berce

cifrada no seu rumor sen límite?

                                                 (De Camiño ao mar, 2010)

NO SILENCIO DA MAÑÁ

                        I

Chegou o derradeiro día,

por iso ao fin podo escribir a verdade

para que non gardes de min un mal recordo.

Cada un dos meus

poemas foi sincero,

como cada un dos meus días.

Nunca pretendín que me amases,

só que me deixases amarte

no silencio da mañá.

                        II

Grazas por cada café,

cada mirada, os sorrisos,

os silencios compartidos.

Verdade é que deixaches

que sentise a casa nesta taberna,

que che escribise os meus poemas.

Por iso demorei a construción da barca,

pero a palabra non se pode dicir en van

e eu afirmei que derrotado non quedaría aquí.

                        III

Parte a nave ao encontro do eterno.

É a vez primeira que nela

non vai o corpo dun heroe,

tan só o dun soldado

que perdeu no combate

o seu lugar no mundo.

Mañá cando non volva

lembra que existín,

con iso será suficiente.

                                                    (De Os papeis do vello vagabundo, 2010)

Vídeo, son, imaxes, +:

O autor no “YouTube”