Silvia Penas

2404_57295197093_733783_n[1]

Nomeada por:

Xabier Xil Xardón
Alberto Lema
Alba Méndez

Nomea a:

Xiana Arias
Claudio Pato
Elvira Ribeiro Tobío
Oriana Méndez
Xabier Xil Xardón
Lucía Aldao
María Lado
O Leo
Iago Castro
Gonzalo Hermo

Bio-bibliografía:

Realizou estudos de Filoloxía galega na Universidade de Vigo, cidade onde mora a día de hoxe. Exerce como profesora de lingua e literatura galega, ademais de dedicarse a outras tarefas profesionais. Os seus textos foron galardoados en diferentes certames de poesía e narrativa, entre os que cómpre mencionar o Premio de poesía da Universidade de Vigo 2005, co poema en cinco partes Neste Bosque. Cun conxunto de poemas intitulado A tiranía do des foi premiada en 2007 no Certame Galego de Creadores Novos GZcrea. En 2009 publica Biografía da multitude en coautoría con Elvira Riveiro Tobío, este poemario acadou o premio de poesía Victorano Taibo en 2009. Ten participado en numerosos recitais como membro do colectivo Redes Escarlata.

Poética:

A poesía é unha clase de perseveranza sobre o terreo queimado, a confianza en que, en lugar de que volva arder, alume.

Poemas:

Para consumo persoal

I

Que sucio era xogar con avións teledirixidos
E deixalos caer
E rebelarse
Non comer o iogurte despois do xantar
Dicir
Que desta vez
Se cadra unha vez, se cadra dúas
Os pés teñen máis chan
Que noutrora
E o documento inconfesado do amor
É unha inclusión
No cataclismo
Alguén chora por min abaixo
Estou asolagada en bágoas
anónimas
Imito
A súa dirección e afundo
Sopesadamente un corpo noutro corpo
Nunca antes descuberto
Está deitado e ouvea
Converte o prisma en planicie
E non escoita
Pero persiste
Pacto co silencio que amolece, agora,
Propóñolle a recuperación do músculo
Estiro as extremidades
E precipítome cara á fuga

II

Vivo na violencia
Termando de ser idéntica a min mesma
E esa alerta exhaustívame
E debilítame polo miúdo

E a derruba
É diferente da caída
Delimítome
En catástrofes
Remítome como sabes ao frío
Refírome como antes dixen
A estar no medio da mirada

III

É preciso que corra
É preciso que corra
É preciso correr e corrrer
Mesmo que  sexa sobre os charcos
Que se forman no camiño da miña casa
É preciso que corra
Para que esa honestidade non me alcance
Esa honestidade feroz
De ferirme
no centro do óso esterno
e cara a cara

I V

Efectivamente eu non son delito
Son só  para consumo persoal

Le Mepris

Chegados a este punto
somos outra vez descoñecidos.
Paula Costa

− Gústanche os meus ollos?
− Gustan
− E o meu pelo, gústache?
− Moito, gústanme moito
− E os meus pés, e a miña boca? Gústanche os meus peitos?
− Claro
− Comprendes o perfil das miñas pernas?
− ?
− Descifras a camba dos meus xeonllos, acádasme a profundidade das
virillas?
− Creo que si.
− As miñas tempas resolven o teu desasosego?
− Non sei
− Consegues aproximarte ao nacente da miña noca,
á raíz dos ombros, na espiña homofáxica dorsal?
− Non sei.
− Sentes a confusión que esta lingua deslabiada che suscita?
− Comezo a sentila.
− Utilizo unha anatomía pre-ventiva.
− Preventiva?
− Antes de ventar a túa fuxida, amósoche a saída en toda
a súa grandeza.
− A saída.
− Podes mastigar o músculo que me recobre a clavícula sen magoarme?
− Creo que podo.
− Queres?
− Non teño a certeza. Fáltame o impulso.
− Ah, entón será que a túa desmedida non pode suxeitarse
lonxe da miña inxenuidade.
− Tal vez.
− Advirto un sabor acedo nos teus pensamentos, e pónseme doenza de loba.
Ves como me medran os cabeiros?
− Vexo.
− Estás adormecendo?
− Estou a adormecer.
− Adiviño outro sabor acedo que me conmove.
− Eh?
− Pasareite pola espadeleira e ficarán de ti a penas os tomentos.
− Os tormentos?
− Non, os tormentos non, os tomentos. Son estes aquí, máis abaixo.
− Onde?
− Debaixo de min non, debaixo de ti.
− Os tomentos?
− O desprezo, iso, o desprezo.

A gata lunática

Podes chamarme triste
como nome de pía ou até de impía
podes desarborarme a copa de ciprés
que traio ao lombo,
pois xa non son meniña con melena e piruleta

Podes habitarme as rúas devastadas
e despois cuspir a carabuña
que deixei nun cruzamento
que hoxe a lúa comeza a minguar
e o meu deambular é veleno
nos ollos dos cánidos

Podes chamarme cidade ou triste
podes
exiliarte de min a cada paso
a miña elasticidade é tan exacta
para a túa desnutrición
de reflexos novelados!

Podes desorbitar a miña fosa, tan oca por dentro
pois de dentro de min algo que
me sobrevive dá voltas enteiras
por riba das nubes
e primaverea no azul

Así que podes chamarme triste,
e negarte tres veces a ti mesmo
eu póñome debaixo dos incendios
e de todo estou por riba
para non soñar máis alto

Son gata lunática e asisto no teu parto
de crisálida, as miñas sete vidas
pertencen a un pedazo de terra innomeable

Non son deusa de as mornas
e maxia nos zapatos, son gata común
das que se atopan a moreas
nas entrañas dos camiños

Podes chamarme triste ou lúa
de cen noites de Cabiria
acaso unha desas prostitutas
me sacrifique no centro da escuridade
Paseo soa nos tellados,
as veces observo,
xusto antes de que saia o sol
a cadencia deste meu vagar de lunática.

Son gata lunática e con cío,
son gata acróbata e errática
son gata que no espello se delata
son gata famenta de semanas
ai, gata insensata!

Felinízareite pola beira do mar
que gardo acuosidade de piraña

Son gata engatusada no eco de este miar
sen data
a miña condición procede
dunha idade en que a tristeza
non había
mais podes
podes chamarme triste e negarte
a ti mesmo
tristecentas veces