Lois Antón

LoisAnton

Nomeado por:
As escollas electivas

Bio-bibliografía:
Nacín en Escudeiros (Ramirás). Son escritor de formación autodidacta, autor dunha obra caracterizada polo compromiso coas clases traballadoras, coas reivindicacións da nación galega e cunha dimensión popular, dentro da cal lle concedo especial atención ao mundo da infancia.

Escribo poesía e teatro, e teño publicados os seguintes títulos: Pequeno poemario para xente pequena (2004), A máis fermosa roseira. Cantigas para a escola (2005), Vellos e novos cantares. Regueifas e desafíos (2012). Lembranzas dun tempo esquecido. Obra dramática (2013).

Colaboro coa revista Arraianos, e con diversas causas solidarias, da que destacarei a homenaxe aos represaliados no alto do Furriolo, recollida no volume Represión, Solidariedade e Resistencia Antifranquista (2007).Tamén participei no libro En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova reclama o uso público do mosteiro (2010), e na obra colectiva coordinada por Xoán Carlos Domínguez Alberte Vieros de palabra. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor (2012).

Poética:
A poesía popular (ou social) para min é a voz dos sen voz, a esencia de todo sentir humano, a arquitectura das palabras que lle dá forma e sensibilidade ao que se entende por razón.

Quizais por iso haxa tanto empeño en en convertela na irmá máis pobre da literatura.

Coido que é ben doado enxergar ese macabro desexo de certificar a súa desaparición; pero é orixinal e é bobo e nunca ha faltar un sentimento que a faga resucitar.

Na rede:
O autor na “Galipedia”
O autor no “Caderno da crítica”
Entrevista ao autor no xornal “La Región”

Poemas:

“Na súa lembranza”
A poesía popular
creárona os devanceiros
é colleitada nos eidos
e levedada no lar
cos soños dun madrugar
de paz, fartura e ledicia
e denuncia a inxustiza
que ao pobo fai humillar.
Á boroa ten de semellar,
na rima é peneirada,
sen farelos amasada
para que se faga esponxar.
Non entende ese falar
de elitismo ou vangarda;
na súa humildade agarda
ese ledo alborexar.

A máis fermosa roseira (2005)

 

 

“Un canto aos esquecidos”
Dedícolles este cantar
ao pobo traballador
e aos que a miseria e dor
na cara se ve expresar,
aos que viven a soñar
coa xustiza e co amor;
e aos que sen pan nin calor
nos denuncian co mirar.

Eu sei que me han acusar
caciques e sobranceiros
por cantar versos tristeiros
que denuncian no rimar.
Todo cantar popular
agroma da alma do pobo
e expresa dese modo
o seu sentir e soñar.

Canto a labregos e obreiros
que o pan gañan a suar
e para eses mariñeiros
que a vida xogan no mar.

Tamén a aqueles velliños
que teñen a cara engurrada
e para eses rapaciños
de tan tristeira mirada.

Se cantase aos que acusan
e a quen está a explotar
non dubido que dirían
dá gusto ouvilo cantar.

Eu cántolle á noite escura
que soña co amencer,
sei que o fago con tristura,
ledo o quixera facer.

Vellos e novos cantares (2012)

 

 

“Lembrando a Suso Vaamonde”
Por cantarlle á miña Alicia
que a un amo está a servir,
seus criados sen xustiza
obrigáronme a fuxir.

O teu amo sentiu celos
por quererte liberar,
ceiboume cans e cadelos
detrás de min a ladrar.

Como ti naciches orfa
só te quere engaiolar,
e explotarche os eidos
sen poderes protestar.

Aínda que tiven que fuxir
a outra nunca hei querer,
eu son un galán honrado,
non fillo dunha calquer.

Son tantas noites Alicia
as que non pego o sono,
sempre agardando ese día
que poida ser o teu dono.

O día que sexas libre,
libre che hei poder cantar.
Alicia canto sufriches
e sen poderte queixar.

Vellos e novos cantares (2012)

 

 

“Pesadelo”
Non sei se o que vexo é certo
ou é un pesado soñar
vexo leiras a ermar
que abondo daban froito,
montes vestidos de loito
e empobrecido o mar.

Obreiros a se humillar
por conservar o seu posto,
patrón facendo o agosto
e ineptos a gobernar,
banqueiros a se forrar
coa suor dos aforradores
que os cren os seus valedores,
e se deixan explotar
porque viven a soñar
con seren explotadores.

Poema inédito