Marta Pedrosa Agra

IMG_20161122_115907
Nomeada por:
François Davo

Nomea a:
Iolanda Aldrei
Concha Rousia

Bio-bibliografía:
Marta Pedrosa Agra (Freixo , Outes , 12 de xullo do 1980)

Coa maior das herdanzas que considero : A lingua materna, o galego. Descubro o mundo da fabulación a través dos contos de lareira que me contaba meu avó papá Francisco , e o  veciño Sr. Ché. Logo virían as primeiras lecturas e as gañas de escribir as propias historias do maxín inspiradas nos contos.
Con sete anos gaño un concurso literario na escola, co conto: ” O cabalo das doce cores”.
E con nove, descubro a poesía da Voz de Rosalía de Castro.
Dende ese momento ata hoxe día, sigo tentando expresar a poética coa palabra.
Publícanme textos o colectivo Sacou na súa “Caramuxa”e tamén “A Casa da Gramática” (I.E.S. Virxe do Mar, Noia).
Xa máis avanzado no tempo colaboro con outros colectivos nos seus soportes escritos e en exposicións, como no caso de A Porta Verde do Séptimo Andar e Barbantia .
A miña primeira exposición pública nun recital foi con algúns dos compoñentes de Sacou, o 11 do 11 do 2011 , en Noia . Dende a data ata agora, vou alternando  intervencións con performance, participación en recitais colectivos ,  realización de recitais propios, e publicacións na rede no blogue :cartasnafenda.blogspot.com.es

Outras reseñas :

” Vida ” : Recital poético-musical, repertorio persoal no museo Valle-Inclán , na Pobra do Caramiñal . 2015 )

” El Pasajero ” : Recital poético-musical con obra propia en interacción con ” Claves líricas” e de inspiración en ” La lámpara maravillosa ” , de Don Ramón María del Valle-Inclñán, para o museo Valle-Inclán de A Pobra do Caramiñal dentro da programación do cento cincuenta aniversario do escritor.

– Charla-lectura para alumnado do IES de Boqueixón , 2013 .

-Intervención recital no IES Leliadoura , 2016 . Dentro dos actos do Día contra a violencia de xénero.

-Celebración do antisanvalentín con performance poética na Sala Real de Aguiño, organizado pola Asc. Feminista do Barbanza, febreiro 2017.

-Recitais en bares, pendello , nave de estación de tren , tanatorio , prazas , pazo , porto e museos . E alí onde fora e sexa requerida.

Poética:
A expresión da Beleza na  Vida e o intento por reproducila .

Na rede:
Caderno da autora
Poemas:

1

Estou pensando… Estou furando un lugar no Universo
Cada vez que tú me miras

2

A inmortalidade é efímera, só leva un pouco máis de tempo
As historias que conteñen as células ninguén as contou
As palabras son un invento contradictorio
A terra é o que temos, e nada nos pertence
A lus faime a fotosíntese
Eu son unha bomba en ti
Eu son hipotética

3

“Fíngelo,hasta que sea cierto”

Coido que era asi…

Finxirei tan ben o meu optimismo que fareino real.
Acho dúas dificultades: A preguiza e a queixa.

Tantas follas amoratadas…Para non atoparlle o corazón ás alcachofas?!
E cando o atopo
É un mÍnimo anaco carnoso
tenro e cálido
Tanto…Que reconforta

4

Deixa que se apouse esta tolemia na man
coas suas fráxiles azas de cristal
Vidro de ollos perdidos
escrutando o voó das sombras

Deixa que se me acheguen os paxariños piadores da loucura
nesta hora…
Meus cabelos, un niño
Refuxio de queixas da noitebra
Casa de soños para a branca pomba…

5

A quen entregaremos a nosa sombra?
A quen culparemos da nosa libertade?
Por quen agardaremos agora…
Cando os símbolos xa non nos amparan
E as bandeiras están manchadas de tódalas
formas do medo

6

Fuxo da luz nos corpos que obriga
a habitar na sombra ós paxariños

Fuxo da hora oculta

Négome a ser testemuña
dos ecos
de berros mudos

Hai cousas que non poden ser santificadas polos nomes

Velaquí o erro…

A nosa manipulada
Ilustración
para o Amor

7

” NA PEL DO ANIMAL “

Imaxínate…
Un can.
Unha cadela.
Un amo que adestra ao cán.Á cadela.
Sit!
Sit!
Descansa
Ven!
E o can
A cadela
Vai.
Pero non de boa gaña
Porque o can
A cadela
Quere brincar máis
Máis!
Porque é a sua natureza
O can.
A cadela.
Ule
Rastrea algo nos pés e na roupa do amo
Quizais
Probablemente
A presencia doutro can
Outra cadela
A ansiedade é freada de súpeto
Portazo!
E o can
A cadela
Quédase
Inmóbil
Só sabe que non pode seguir ó amo
O amo marchou.
Vai de vez en cando á finca
Onde
A cadela
O can
Garda os intereses do amo
Que non son moitos
A decir verdade ,
O amo ten unha finca sen cultivar
Pensa en facer algo
Pero ese algo remata por ser
Nada
O can
A cadela
Só agarda
Ter algo
Algo
Para botar o dente
Pero o amo
Non volta
Esquecíuse de alimentala
Alimentalo
Entón a cadela.
O can.
Marcha da finca
Porque non estaba cercada
Sempre fora campo aberto
Marcha
Correndo
E logo máis cansa
Canso
Ata que sente
Unha dor na gorxa
Unha dor na gorxa
Unha dor na gorxa
É a impotencia?
É a frustración?
É a incompresión?
É a correa.
A maldita correa.
O can
A cadela
Chega ao fin da sua libertade
Cansa
Canso
E con fame
Volta co rabo antra as patas
Para a caseta
E comeza a chover
E da choiva
Séntese a salvo
Estira a lingua e bebe
Bebe da auga que cae
O can
A cadela
Protesta
Porque tamén sente
E chora
Porque tamén sabe chorar
Entón
Un neno felíz
Que brincaba por alí con seu pai
Achégase ao animal
Abrázaa
Abrázao
O can
A cadela
É mansa
Manso
Só cando teme
Se amosa brava
Bravo
Ou cando está
Desesperado
Desesperada
O neno dille ao pai
Que o solte
Queren levala
levalo
O pai dille que non ao neno
Dille que non
Dille que non
Ata que deixa de escoitalo
E o neno chora
Como choraba o can
A cadela
O pai non o escoita
Nin pode velo
Porque o pai
Ten atada outra correa
Que lle queima por dentro
Que lle queima por dentro
Que lle queima por dentro

8.

Observo con fascinamento aquelas follas do verán , antes verdes
Vanse tornando ata crepitar baixo
os pés .

Quedan atrás días e noites.

Perdín.
Seino.
Non debera sabelo , polo menos
Agora
que o sei
Para qué
continuar a partida
Porque a partida non está acabada.
Non a acabo eu nin ti.

Agora insisto en seguir.

Non teño nada qué decir. Admiro a beleza das ruínas . A decadencia e as enrugas. A deformidade caricaturesca da
máscara.
Pregúntome :  Foi ?
A memoria é unha sirventa que rouba á casa.Pouco a pouco van faltando cousas , van cambiando de sitio…Unha
sirventa compracinte,  sí. Por iso confiamos demáis nela, inda sabendo que non se debera confiar.
Eses días de viño en copa e mantelería de liño . De ceas en restaurantes. De risas de bobos ricos .Bobos…
Non pregunto onde van .
Admiro o seu crepitar.

Nen sequera estou nostálxica. Son outra. Sempre o fun. E sigo sendo a de sempre a seguir fundíndome co desgaste
e o deterioro
só pola vertixe de perfilar os lindes do vivo e do morto e chuchar do zume da sua beleza.Monstruosa beleza.

” Eu quero unha vida monstruosa ”

As palabras
como as bestas, son indomabeis . Só obedecen a sí mesmas e á necesidade.
Escollín mal, aquel decir.

Infames seres, que aprauden a aniquilación do ser.
Porque non hai maior tortura , que elexir ” non facer “.

Abrázote por enriba do que se nos vai por riba do que se nos quita.Por riba do que deixamos pasar…
Por baixo e moi adentro