Baldo Ramos

Baldo-Ramos

Nomeado por:
As Escollas Electivas
Xoán Carlos Domínguez Alberte
Alberto Lema
Carlos Negro

Nomea a:
Manuel Vilanova
Manuel Álvarez Torneiro
Pilar Pallarés
Olga Novo

Bio-bibliografía:
Natural de Celanova, Baldo Ramos (1971) é poeta e artista plástico. A súa obra esculca nos espazos que comparten a poesía e a pintura. Os seus libros de artista –Raíz do voo, As follas da memoria, Ut pictura poesis, Signos de cinza, entre outros- son o froito desta fusión. Licenciado en Filoloxía Hispánica, actualmente traballa como profesor de Lingua e Literatura Española. Ten publicado numerosos libros de poesía: Raizames (Follas Novas Edicións, Santiago de Compostela, 2001), A árbore da cegueira (Espiral Maior, A Coruña, 2002), Los ojos de las palabras (Fundación María del Villar Berruezo, Tafalla, 2002), El sueño del murciélago (Pre-Textos, Valencia, 2003), Diario de una despedida (Amarú Ediciones, Salamanca, 2005), Escura e transparente, (tresCtres Editores, Santiago de Compostela, 2005), Palabras para un baleiro (Espiral Maior, A Coruña, 2009), Palimpsesto (Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 2009) ou A ferida de comprender (Follas Novas Edicións, Santiago de Compostela, 2011). Os ollos das palabras (en coautoría con Caxigueiro, Xunta de Galicia/Cidade da Cultura de Galicia, Santiago de Compostela, 2012), Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (en coautoría con Carlos González Villar, libro de artista, edición dos autores, Lugo, 2013), CaRa inversa (en coautoría con Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Follas Novas Edicións, Santiago de Compostela, 2014) e Cartografía do exilio (Deputación da Coruña/ Colección Premio González Garcés, A Coruña, 2014). Recibiu, entre outros, os premios Arcipreste de Hita, María del Villar Berruezo, Concello de Carral, Rosalía de Castro, Ciudad de Tobarra ou Fiz Vergara Vilariño. A súa obra pictórica ten sido exposta en diferentes galerías do país e servido para ilustrar libros, revistas e plaquettes.

Na rede:
O autor na “Galipedia”
O autor na “AELG”
O autor en “Galegos”
O autor no “Caderno da crítica”
O autor no “Criticalia”
O autor en “Cultura Galega”
O facebook do autor
O autor en “Poesía Digital”

Poemas:
ÁS VECES

Ás veces fáltannos palabras
e ás veces sóbrannos.

Ás veces fáltanos o tempo de dicilas
e ás veces pásanos o tempo de calalas.

Ás veces precisamos o que xa temos
e ás veces desbotamos o alleo como se fora noso.

Ás veces mentimos inxustamente
e ás veces facemos da lei unha verdade fedorenta.

Ás veces temos boca para selar un segredo
e ás veces fáltannos oídos para aceptar a evidencia.

Ás veces un día ten 24 horas
e ás veces unha hora agocha 24 días.

Ás veces dígoche que te quero coa boca soterrada
e ás veces a terra ignora os adverbios que nos afastan.

Ás veces digo que si porque non son eu
e ás veces non son quen de negarcho.

Ás veces a choiva esvara polos meus versos ata dar cos teus ollos
e ás veces as bágoas encoradas na memoria
asulagan as terras ermas do que che escribo.

Ás veces chámote co meu nome
e ás veces contestas dende o silencio que me reclama.

Ás veces es ti mesma
e ás veces non sei quen son se ti me faltas.

(De Raizames, 2001)

SORGA DE CAMIÑO

turra das palabras coa forza das bestas feridas.

o medo sorprendíanos furgando nos armarios da infancia.

baixan ríos de alcanfor polas gorxas da mudez.

o tempo era daquela
conciencia dunha voz que non doía,
mazairas grises e escuma de metralla.

fende a luz desta tarde
os ollos que aprenderon da néboa destilada nas cañotas
os segredos da cegueira.

tras do que escribes
agóchanse as ruínas da vella casa que respiraba nos veráns
os vapores do sabugo.

vou cara a desaparición cos ollos incendiados.

e o lume deixa un oco de cinza en cada verso que roubamos
á posesión do que nos nega a memoria.

(De Escura e transparente, 2005)

SOMBRA DA TARDE/NEWARK ca. 1940

unha palabra non abonda
para encher os tinteiros de maio
con rescaldos de noite e metáforas grises.

ese aire non pode atravesar
a voz que alenta neste cuarto baleiro.

ladran os cans
mentres maduran as cereixas doutra perda.

unha ollada non pode calar
o que ven no poema os teus silencios,
nin compracerse na causa que os obriga
a que escriba na noite, ás apalpadas,
estes versos roubados
á memoria de perderte.

(De Escura e transparente, 2005)

 

 

 

ONDE esquecer non é o principio.
onde os corpos que se amaron desángranse ao pé da letra.

e con todo, habitar o tempo da desaparición evítanos o retorno.
empúxanos cara ás postrimerías da fecundidade.
sen esperar recompensa.
coma o moribundo que se desvive por habitar
o oco da pechadora.
sen esperar nada a cambio.

escribo a contraluz.

non en van o encontro está pragado
de sombras que estreitan os accesos.
sombras que preceden os corpos,
que lles impiden medrar e multiplicarse.

recoñecerse na luz que contivo o desxeo.

 

 

 

ABRES a porta da casa que dá acceso ao esquecemento.

no seu interior non queda espazo para seguir a confiar.

as sebes da memoria circundan a ollada dos corpos que amaches
para evitar os depredadores do alzheimer.

a transparencia impide a narración do fracaso.

podes ler no fondo do Ourille o decálogo do exilio.

nesas palabras o tempo detén a hemorraxia do poema.

superponse á conciencia do final, á certeza do extravío.

 

 

 

COMO un refuxio de luz.

onde a ruína só é un pretexto para avanzar na cegueira.

onde os pupitres da couza testemuñan a recompensa combada do solpor.

o amor que edifica exilios,
o esquecemento que malogra o retorno.

como un refuxio de luz.

dende Sorga a Quintas.

dende o teu trazo ao meu silencio.

 

 

 

HAI unha árbore esquecida entre a néboa e a mudez.

unha árbore sen pólas que pronuncia o teu nome.

desa voz agroma un río de palabras lentas,
transparentes como a ollada dun neno que non pregunta,
que non pretende saber.

e dese río bebe a luz que busca
as raiceiras tumoradas da cegueira.

 

 

 

A man que presente o final
dá de beber
aos cervos da linguaxe.

o baleiro das cousas que noutro tempo lle pertenceron
agora é promesa edificada en pó de mármore,
profanación da transparencia,
acubillo

para despois da derruba.

(De Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, 2013)

 

 

TERRA DE ACOLLIDA

vertical habitábel.

Chachahuí ría de Vigo.

ascendín cara ao lugar inscrito nas aforas do poema.

a luz interpretaba a diagonal dos accesos ordenados en socalcos.

verde escuma buscando o cimo.

onde o liquidámbar se abraza co paporrubio
e a tinta dilúe a resina nas cuncas do solpor.

Viatriz fértil exilio.

numeraches as follas do magnolio para anoar os camiños que converxen na amizade.

25 de xullo no Vilar de Taramancos.

descendiches ao silencio por escadas de auga morna.
ao pé da casa heliótropoo fareiro da linguaxe transcribía o morse das orixes
cun alfabeto tallado con afán de miniatura.

Chachahuí ría de Vigo.

espazo habitado pola vozque transloce o paraíso.

 

 

 

BALEIRO HABITÁBEL

como auga salgada no interior da cegueira.

espello das leccións que se aprenden
na entraña do froito.

ventre
acariñado por sílabas de esperma.

como matriz que amortece o desenlace.

acopiaches estrelas de papel
para despois da amencida.

flor de veludo na peneira da noite.

vén do oriente unha voz que agoniza nos bordos.

onde o centro só é unha escusa para acceder
ás estremas da ollada.

( De Cara inversa, 2014)

POR SE NOS VEMOS DAQUELA

foi o comezo do tempo un berro de sede
dende a lus
Xosé Mª Díaz Castro

no interior da ollada fóronse enchendo as rúas
de palabras pintadas de ocre
e recordos nos que o tempo lambía coa súa lingua de esparto
as físgoas da memoria

no centro da luz
a praza Maior era unha xigantesca pupila
que congregaba as ausencias

por cada unha
as bocas do pilón traían recado
da súa fidelidade á estirpe das cañotas e aos ventos segreis

respiraban desoutro lado da pedra
onde a vida só é unha escusa para avanzar a contraluz

por iso a praza Maior é cada lustro dous centímetros máis longa

para acoller no útero da cegueira
a todos os que amamos un día
e así evitar que poidan esquecerse de nós
cando nos deixan definitivamente
sen terlles dado permiso

circular para eles
aínda que para nós sexa unha xigantesca cuadrícula
das horas percorridas a paso lento
polas súas lousas

nese círculo perfecto
as ausencias non doen tanto
porque o ollo calcula a circunferencia dos afectos
en relación co tempo que fica agora
nas físgoas do futuro
para poder seguir a vivir desoutro lado da ollada

onde a pedra preserva a luz e a calor das pombas
co pretexto de acoller a nosa nostalxia

dende esa luz escribo

sentado á mesa do Praza con San Rosendo e o Rizo
sabedores os dous
de que a luz é un territorio no que os corpos só existen
se hai alguén destoutro lado
que os defenda da morte

e os dous así o fixeron
aínda que ti dirás con razón
que de xeito distinto

de neno
todos os camiños son longos

as palabras daquela pesan pouco
como cereixas roubadas ou andoriñas furando na canícula

pesan como silencios que velou o destempo
e traduciu en pasado a desmemoria

mais neste libro son lectura dun presente irrenunciábel
Celanova aberta pola primeira páxina
a que nos obriga a seguir lendo
a que nos distancia do final

esta

Celanova

circular

aberta

como aquela
nunca traizoada
sempre nosa

dende a Callarriba á Praza
dende a Praza á Ermida

cada ollada é o anaco dunha historia compartida

intres de luz no interior dunha ausencia
dun recordo
dunha voz que nos persegue polo túnel da vida

a pesares de retratar un tempo escuro
gris
ou sepia
cada intre conxelado na retina da intrahistoria
evoca un soño confiado
unha inocencia resignada
que elude os vértices da sombra
e ansía o punto exacto do enfoque

o punto exacto no que recoñecernos como pobo

orgulloso e humilde
clandestino e confidente

un pobo alongado como serpe que abraza os seus fillos
protectora e insubmisa
resignada por veces

nacer aquí obrigounos a estar sempre volvendo

circular
uterina
Celanova de ollos verdes

escribo ao pé do pombal no que Torcuato e Bieito
custodiaron a fonte circular da memoria
o pilón no que baixamos beber sempre que estamos moi lonxe
ou a morriña gangrena as feridas da incomprensión

circular como espello que acompasa o diámetro do exilio
da diáspora
ou da morte

escribo ao pé deste inmenso pombal no que tallou a historia
un oco morno de luz
no que habitar para sempre

e sinto
ao caer a noite
cómo as pombas de sombra que percorren a ollada perdida
do neno que se perdeu baixo un ceo de laranxa
baixan aniñar aos meus versos
para obrigarme a ficar quizais irremediabelmente

porque nunca marcha de todo
o que ten alguén que o espera

Celanova
nai
libertaria
desertora

como pomba ou serpe

circular
como fenda de luz
no interior da cegueira

neno

(Publicado en Aquela Celanova, 2014)

Son e vídeo do autor:
O autor no YouTube